A Fundación Galiza Sempre vén de publicar o número 4 do boletín "Ideas impresas" baixo o título "Galiza no Foro Social Mundial". A publicación recolle as intervencións do debate sobre "Uniformización cultural e déficit democrático" que organizara en xaneiro no marco da quinta edición do Foro Social Mundial (FSM) celebrada na cidade brasileira de Porto Alegre.
As comunicacións de Xosé Manuel Beiras e Xabier Macías, Presidente e Director da fundación, respectivamente; Gunther Daüwen co-director da Alianza Libre Europea (ALE. asbl) e Hamilton Pereira, Presidente da Fundaçao Perseu Abramo, analisan as limitacións democráticas presentes na globalización, critican o fanatismo económico ultraliberal imperante e sinalan a importancia da defensa da diversidade política, lingüística e cultural. A publicación inclúe, ademais, unha crónica da portavoz do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda, que sintetiza a participación da organización nacionalista nos foros sociais e parlamentarios realizados entre 2001 e 2004, e unha reseña da presenza doutros movementos sociais galegos –a organización ecoloxista ADEGA; os sindicatos CIG e Sindicato Labrego Galego; e a feminista Marcha Mundial das Mulleres- nestas citas mundiais do movemento alterglobalizador.
Para os responsabeis da fundación nacionalista a inclusión da súa proposta nos debates oficiais do FSM representou "un avanzo cualitativo na implicación do nacionalismo galego neste proceso que culmina unha traxectoria de presenza continuada nos foros sociais mundiais e europeos de líderes do BNG e de representantes de organizacións sociais galegas". Coa nova publicación, quinto número da colección Ideas Impresas, pretenden agora "recoller esa traxectoria e incentivar o achegamento aos mundos que combaten a globalización ultraliberal". Para Galiza Sempre, "a participación no FSM favorece a proxección internacional do nacionalismo galego e permite abrir campos de colaboración con organizacións de todo o mundo".
A publicación recolle como anexos a "Carta de Principios do Foro Social Mundial" e información sobre diversas iniciativas e colectivos relacionados con este movemento que celebrará en xaneiro de 2006 novos encontros simultáneos en Caracas (Venezuela), Bamako (Mali) e Karachi (Pakistan).