O malagueño Pedro López Jiménez, vicepresidente de Cobra, filial do Grupo ACS, e home de confianza do seu propietario, Florentino Pérez, foi nomeado novo presidente de Unión Fenosa. Finalmente non houbo consenso arredor da figura do galego Honorato López Isla, que seguirá á fronte da xestión da empresa coma conselleiro delegado e desde a vicepresidencia primeira. Á beira, outras dúas das catro vicepresidencias serán para o accionariado galego, recaendo en José María Arias, do Banco Pastor, e José Luís Méndez, da Caixa Galicia.
Lembrámoslles que este cambios no consello de administración da empresa eléctrica chegan despois do movemento das pasadas semanas, cando a constructora propiedade de Florentino Pérez se fixo finalmente co grupo de accións que nunha porcentaxe do 22% posuía deica ese momento o BSCH. Refugando o acordo previo ao que chegara cun grupo de investidores galegos liderado por Amancio Ortega e que reunía a cota das caixas para volverlle a Galiza a xestión do Grupo Fenosa, o presidente do Santander decidiu no último momento pechar a venda con Pérez, quen pagou un prezo sensibelmente superior por cada título, 33 euros.
O consello extraordinario deste luns escenificou o novo reparto de poder en Fenosa, coa substitución dos conselleiros que representaban ao Santander Central Hispano por outros tres xestores dependentes da construtora de Florentino Pérez. O novo presidente, Pedro José López Jiménez, estivo vencellado ao contorno político da UCD durante a transición, ao xeito do propio Pérez, e presidiu Endesa a comezos dos anos 80 durante un período de tres anos.