Máis de 350.000 persoas viven en Galiza con menos de 400 euros ao mes, pero no mundo máis de 2.700 millóns de persoas sobreviven con menos de 2 euros ao día, o que os sitúa nunha situación de pobreza extrema. No Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, a ONU fai un chamamento para que os gobernos lembren o seu compromiso, asinado no Cumio do Milenio, de reducir á metade en 2015 a porcentaxe das persoas que viven na indixencia. Os responsábeis da campaña Pobreza Cero, consideran que a falta de vontade política condena á pobreza a máis da metade da poboación mundial xa que "existen recursos económicos, tecnoloxías e capacidade máis que suficientes para afrontar o maior reto ao que se enfronta a humanidade".