A Academia Sueca decidiu outorgarlle o premio Nobel de literatura deste ano ao multifacético escritor británico Harold Pinter. Dramaturgo, actor, director, poeta e activista político, Pinter naceu en Londres en 1930. Harold Pinter foi recentemente galardoado tamén co premio Wilfred Owen polo seu poemario Guerra, publicado en 2003, onde pon de manifesto o seu compromiso antibelicista e a súa oposición á guerra de Iraq.
Nunha recente entrevista na BBC, Pinter anunciou que desistiu de escribir obras de teatro e que na actualidade está centrado na actividade política e na poesía. "Estou usando moita enerxía máis especificamente en situacións políticas que son, creo, moi preocupantes tal e como están as cousas", declarou.
Xerais publicou en 1999 o libro Vellos tempos. A festa de aniversario, un volume da colección "Os libros do Centro Dramático Galego", onde se recollen a tradución de Manuel Vieites García de dúas das súas pezas dramáticas máis representativas do novo Premio Nobel. "Vellos tempos" foi estreada pola compañía Teatro do Atlántico, dirixida por Xulio Lago, no Teatro Principal de Pontevedra o 18 de novembro de 1988
No ronsel da xeración dos Mozos anoxados ("Angry young men") británicos (John Osborne, Arnold Wesker, Shelagh Delaney e John Arden, entre outros), Pinter é autor de clásicos do teatro moderno como "A festa de aniversario", "O vixiante" e "O amante". A súa primeira obra, "O cuarto" é de 1957.
Para o cinema escribiu, entre outros os guións de "O asistente" e "O mensaxeiro", filmes dirixidos por Joseph Losey e máis A muller do tenente francés, de Karel Reisz. A última obra do dramaturgo británico é unha adaptación teatral de "A procura do tempo perdido", de Marcel Proust, titulada en inglés Remembrance of Things Past e publicada en 2000.
Segundo o comunicado enviado por Edicións Xerais, Harold Pinter, membro de Amnistía Internacional, ten alentado a creación de moi diversos foros de debate, sempre na defensa dos dereitos civís, da liberdade de expresión e contra a censura. Situado inicialmente pola crítica no ámbito do que se deu en chamar "teatro do absurdo", a súa obra reborda calquera tentativa de etiquetado e constitúe unha singular aproximación ao estudo da conducta humana e unha denuncia permanente das diferentes maneiras en que o totalitarismo invade e se instala na vida cotiá.
A maioría da obra dramática de Harold Pinter está traducida tamén ao portugués na editorial Relógio d'Água