Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DOUS DETIDOS LOGO DE INCIDENTES AO REMATE DO ACTO

Vázquez pon na Coruña a súa bandeira da "España eterna" e "indisolúbel"

"Non podiamos atopar mellor momento", comentou o alcalde coruñés, Francisco Vázquez, ao fío da propia actualidade do debate estatutario e pouco despois das súas declaracións sobre a "urticaria" que afirma sentir coa lectura do preámbulo do novo estatuto catalán. Foi durante o acto no que este mércores se colocou unha bandeira española de vintecinco metros cadrados no paseo marítimo herculino. Ofrecémoslles tamén un guieiro de referencias nas bitácoras.

- 09:28 13/10/2005
Tags:

"Á historia rendémoslle homenaxe a través desta bandeira que simboliza a España eterna, apoiada nunha Constitución que garanta a unidade e a paz da nación española", afirmou Francisco Vázquez, "non caben silencios nin complexos ou vergonzas ao falar de España", incluíu no seu discurso, "defendamos o común e o que nos une nesa forma de convivencia que ben define o estilo de vida desta nosa cidade".

"Son moitas as bandeiras que tivo España e na súa existencia reflíctese a continuidade no tempo da nación española, e como subliña a nosa vixente Constitución no seu artículo segundo: a indisolúbel unidade da nación española, a patria común e indivisíbel de todos os españois", declarou Vázquez mentres os asistentes berraban "viva España" e "viva a Constitución".

"Meus queridos coruñeses, non pode haber contradicións entre as nosas condicións de galegos e españois, porque amar Galiza e sentirse galego é o mesmo que amar España e sentirse español, e á fin todos somos cidadáns do mundo", comentou Vázquez no único momento do acto onde utulizou a lingua galega.

Incidentes
O enfrontamento, inicialmente verbal aínda que finalmente terían chegado ás mans, entre un dos asistentes ao acto municipal e un dos participantes na manifestación que a pouca distancia protestaba polo izado da bandeira, rematou con estas dúas persoas na comisaría. No portal Galizalivre.org informan que se trataba dun militante de AMI e convocan a unha concentración de apoio este mércores na Coruña. Durante todo o tempo houbo un amplo despregue policial en previsión da posibilidade de incidentes.

Queixas de asociacións municipais catalanas

Desde a Associació Catalana de Municipis i Comarques e a Federació de Municipis de Catalunya, os seus respectivos presidentes, membros das formacións políticas de CiU no primeiro caso e do propio PSOE nesta última, expresaron o seu desagrado coas palabras do alcalde da Coruña en referencia ao novo Estatuto de Cataluña e pedíronlle unha xuntanza urxente para falar do asunto. Desde estes colectivos consideran que na súa condición de presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, o mandatario coruñés debera ser máis prudente nas súas declaracións.

  • Na sección de opinión: Mala conciencia, un artigo de Xabier Cordal


  • Ligazóns

    0/5 (0 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: