Na mañá deste martes coñecemos como irán traxados os xogadores que o próximo mes de decembro brinquen ao campo de San Lázaro coma integrantes da selección galega de fútbol. Inspirados na bandeira e na "reflexión sobre a identidade galega", o branco e o azul foi a escolla dos deseñadores para o innovador equipamento. Mentres, segue o misterio sobre o rival do noso equipo para ese día, aínda que iso si, "será un campión do mundo", asegurou Santiago Domínguez, Director Xeral para o Deporte.
"Esta selección non vai ser cousa dun día, vai permanecer no tempo", subliñou Santiago Domínguez Olveira, na presentación da "imaxe que logo vestirán os auténticos protagonistas, os futbolistas". Domínguez gabou a consecución dunha "longa demanda do fútbol e o deporte galego e do desexo de moitos afeccionados de veren as súas cores no campo cunha selección galega" e anunciou que o partido será "unha gran festa" acompañada de actividades paralelas, "de tipo deportivo e cultural", segundo subliñou a conselleira de Cultura. A tarefa correspóndelle de agora en diante á Federación Galega de Fútbol, que anunciará nos próximos días a lista de xogadores seleccionados e o adestrador ou adestradores.
No acto estivo presente tamén o presidente da Federación Galega de Fútbol, Xulio Meana, quen cualificou o día coma "un antes e un despois no fútbol galego" e a consecución dunha arela longamente perseguida "para que Galiza non estivese discriminada neste ámbito". Por certo, Meana quixo destacar ao fío da actualidade, respecto da nova sobre a moza á que a federación andaluza lle permitiu xogar nun equipo mixto, que a federación galega "foi pioneira na autorización ás mulleres para xogaren en equipos mixtos e en todas as categorías".
Cara ao branco e o azul: o proceso
"Alén da súa función práctica queriamos algo que se constituíse en obxecto vivo", comentou Pepe Barro, do estudo Revisión, encargado de darlle forma a un encargo que desde a consellaría e a Federación Galega resumían nunha frase: "o fútbol une". "É un deseño que quere estimular a paixón e espertar a emoción", aseguraron. Segundo a explicación técnica, as bandas diagonais inspiradas na da propia bandeira galega "transmiten a idea de acción e movemento, de saír ao campo a gañar" e ao tempo, unindo un conxunto delas pretenderon "transmitir a idea de equipo, de unir". "Os escollidos que saian ao campo serán de sangue azul, pero non polo que correo polas súas veas, senón pola calidade do seu fútbol".
Á falta de futbolistas na mañá deste martes para serviren de modelo para o novo equipamento branco e azul, "as mesmas cores que xa tinguiron a algúns dos principais clubes da nosa terra", foron improvisados modelos para a foto oficial a propia conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo e o Director Xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, ademais dalgún espontáneo xornalista que tamén quixo retrato coa camisola. E para os que queiran irlle facéndolle corpo ás teas do novo símbolo futboleiro galego antes de subir ás bancadas de San Lázaro o próximo decembro, desde o día 1 de novembro a camisola poderá mercarse nas tendas deportivas.
Contámoslles tamén que o abrollo de polémica coa escolla da denominación posíbel entre Galiza ou Galicia resolveuse finalmente non optando por ningunha desas dúas formas e restrinxíndose a un único lema escrito sobre a camisola: "Selección Galega".