O fomento de novas políticas de formación, o impulso do cooperativismo, a promoción da cultura emprendedora, a substitución do Instituto de Saúde Laboral por outro organismo "máis participativo", o reforzo do papel do Consello Galego de Relacións Laborais, un plan de choque contra a sinistralidade con reforzo das inspeccións... Son algúns dos primeiros proxectos nos que Ricardo Varela anunciou que está traballando a consellaría de Traballo, nunha área que o bipartito cualificou coma prioritaria. O conselleiro asegurou que o obxetivo é ver converxer as estatísticas laborais galegas coa media estatal, aínda que non fixou prazos concretos.
"A taxa de actividade é case dous puntos máis baixa en Galicia, a taxa de ocupación é inferior en case catro puntos, e a taxa de paro supera con creces a media estatal (...) a taxa de precariedade laboral é a máis alta no conxunto do Estado, catro puntos máis, sufrimos un dos maiores índices de sinistralidade e Galiza está nos últimos postos en materia de salarios", así repasou o conselleiro a estatística da precariedade laboral galega, comprometéndose ao impulso de medidas para "darlle un xiro a esa realidade".
O conselleiro referiuse tamén de xeito concreto ao "Plan Labora", destinado á inserción no mercado laboral dos mozos, lembrando que "naceu no seu momento por unha iniciativa da oposición" e reprochándolle ao PP que "desvirtuou os obxectivos orixinais". Así, anunciou que a consellaría reformará este plan "reorientándoo e eliminando criterios de corte político" para impulsar a súa eficacia e crear "emprego de calidade entre para os mozos".
"É preciso mellorar a confianza empresarial e dos desempregados no Servizo Galego de Colocación", salientou o conselleiro anunciando un plan de modernización nesa liña, "e para iso é necesario abandonar a actitude pasiva de simples tramitadores das ofertas e achegarse ás empresas, dándolle máis utilidade a este servizo". Varela anunciou a posta en marcha de modelos experimentais en varias zonas de cara á coordinación destas melloras nas oficinas de emprego e para a súa integración nos entornos locais onde se sitúan, e avanzou que se deseñará unha oficina de emprego virtual, facilitando que os técnicos das oficinas poidan realizar unha atención individualizada aos demandantes de emprego.
Varela destacou especialmente a intención do executivo galego de "recuperar o diálogo cos axentes económicos e sociais" e asegurou que se abrirá un "proceso de concertación social" dándolle voz aos axentes económicos e sociais. O conselleiro subliou nesa liña o novo papel do Consello Galego de Relacións Laborais, que verá reformada a súa lei reguladora para darlle máis autonomía, e a reforma do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que dará paso a un organismo "dotado dunha maior participación institucional das propias organizacións sindicais e empresariais".
Ao respecto das necesidades de formación continua para os traballadores galegos, Ricardo Varela comentou que Galiza xestionará en 2006 o 50% dos recursos desta formación "e o obxectivo é acadar o 80% dentro dous anos despois".