Recibín de vostede, como concelleiro, un convite para o "acto de inauguración do monumento á bandeira de España" e quero contestar publicamente a mesma. Por Manuel Monge, concelleiro do BNG na Coruña.
Cales son realmente os motivos para levantar este monumento? Pode ser que queira seguir batendo novas marcas: temos o obelisco de cristal máis alto (3 millóns de euros), anuncia a Virxe do Carme máis grande 816 metros e 90.000 euros) e agora quere pasar á historia coa bandeira máis grande e de pau máis alto do mundo mundial. Pero pode haber unha explicación máis política: vostede ten unha obsesión, realmente enfermiza, cos nacionalismos e a unidade de España, e por iso declara que "é máis lesivo o auxe do nacionalismo có terrorismo". Esta inauguración formaría parte, xa que logo, de toda unha campaña que iniciou coa xura de bandeira en María Pita, para combater os separatismos e resgardar a sagrada unidade da patria.
O mesmo día en que recibo o seu convite, 5 de outubro, teñen lugar diversos acontecementos. Presentábase no Congreso o proxecto de Estatuto de Cataluña que comeza proclamando que Cataluña é unha nación. Mentres vostede fala da "horterada" da España plural, o presidente da Xunta declaraba que "España non é unha nación única, homoxénea, senón que alberga no seu interior diversas realidades, algunhas incluso nacionais". E nunha conferencia sobre 'Os desafíos do cambio' dicía Touriño: "é imprescindíbel o abandono de tan autoevidente como insostíbel ecuación: nación igual a Estado". Ese mesmo día escoito pola radio unhas declaracións onde vostede manifesta, unha vez máis, a súa preocupación polos separatismos, mentres o presidente Rajoy lle contestaba a rajoy no Congreso: "deixe vostede de meterlles medo absurdamente aos españois sobre o noso futuro e a nosa convivencia". Dicía recentemente Isaac Díaz Pardo nun artigo: "É unha afirmación reaccionaria andar a proclamar que España é unha nación, e nada máis; e os que non estamos de acordo con esa arbitrariedade somos uns malos patriotas, somos separatistas e pertencemos ao eixo do mal, segundo o cualificativo posto pola pandilla de Bush".
Di que pretende recuperar a historia; recupere tamén a memoria. Que queda daquel político que coñecín hai trinta anos e que defendía estas ideas: "Galicia ve por fin recoñecida a súa realidade nacional; por primeira vez en moitos séculos o pobo galego vai contar co seu propio órgano de autogoberno, a Xunta... Para os que defendemos o dereito de autodeterminación, e dentro del cremos que un estado federal é a alternativa aos dereitos de Galicia e aos problemas de España, sen romper a súa unidade, esta Preautonomía é un paso, pero cre que é tamén a posibilidade de logralo nun futuro inmediato". Isto é o que escribía vostede en 1978 no artigo 'Consideracións sobre a preautonomía', que formaba parte do libro 'A autonomía galega'.
Como xa sabe, eu son de Laguna de Duero (Valladolid), meus pais e meus irmáns son de Dueñas (Palencia); por certo alí asasinaron os fascistas a dous tíos meus, un deles concelleiro socialista; meu avó era de Navalonguilla (Ávila); teño familia en Cataluña, Euscadi, Castela e A Rioxa. Vivín moitos anos en Bilbao, tres en Sevilla e outros tres en Madrid, e levo na Coruña dende 1969 e teño que confesarlle que non estou nada preocupado pola unidade de España.
Explicaba vostede que ese monumento "é un canto á unidade e unha exaltación á cohesión de España". Estou canso de tantos cantos á unidade, que xa trouxeron un millón de mortos; estou canso desta impúdica e innecesaria exhibición de españolidade e patriotismo. Non conte comigo.