Aínda que o propio bipartito fixou coma prioridade para antes do remate desta lexislatura que Galiza conte coa liña do tren de alta velocidade do Eixo Atlántico e a propia consellaría de Política Territorial comunicou que a axilización desa obra estivo na axenda das peticións coas que a conselleira María Xosé Caride viaxou recentemente a Madrid, as mensaxes que chegan desde o executivo central non confirman os prazos.
O propio secretario de Estado de Infraestruturas, Víctor Morlán, evitou este luns no Congreso darlle unha resposta clara á pregunta do voceiro do BNG no Congreso. Francisco Rodríguez amosou a decepción dos nacionalistas galegos coas previsións do ministerio de Fomento, advertíndolle aos socialistas que cos investimentos previstos actualmente a liña non estaría rematada antes do 2010. Rodríguez avisou ademais que neste contexto o Bloque votará contra aos orzamentos no Congreso.
A inexistencia de compromiso algún para o treito da Coruña a Ferrol, a ausencia de investimentos significativos na liña Lubián-Ourense deica o propio ano 2009, cando se supón que segundo o acordo previo para ese ano xa debera estar rematada, e os temores de que as promesas para o treito Santiago-Ourense sufran novos atrasos, coma a propia paralización do investimento previsto para o último exercicio, dan pista segundo o BNG da falta de compromiso con este proxecto clave para Galiza. "Ou isto se modifica ou así non imos apoiar as contas", avisou o voceiro dos nacionalistas galegos no Congreso.