A porcentaxe de consultas nos ambulatorios que superan a duración mínima de dez minutos, apenas é dun 12% en Galiza. Así o advertiron este luns os responsábeis da Plataforma Dez Minutos a a prol da mellora da sanidade pública. Desde este colectivo advirten que mentres o debate se centra nas longas listas de espera que acumulan os servizos de cirurxía, esquécese que o freo e os recurtes no gasto sanitario son especialmente graves na atención primaria.
As "masificadas" listas de espera que a miúdo acumulan os centros de atención primaria son exemplo significativo do problema de falta de investimentos en Sanidade. Desde a Plataforma Dez Minutos advirten que o Estado español rexistra a nivel da Unión Europea unha das máis baixas porcentaxes en tempo de consulta aos seus pacientes e tamén está nos últimos postos en canto a cartos investidos en atención primaria.
Ao respecto concreto do caso galego critican especialmente o estancamento do gasto, aínda por baixo da media estatal e a desatención coa atención primaria, causando un deterioro nos servizos ao cidadán desde o primeiro chanzo da atención sanitaria.
Peticións ao novo executivo
Os responsábeis galegos da Plataforma subliñan que a media na Unión Europea de gasto adicado a atención primaria chega ao 22% e piden que a curto prazo se produza un incremento en Galiza e no Estado deica o 25% do orzamento para este apartado, co obxectivo de superar a fenda actual.
Alén do compromiso orzamentario, as medidas a poñer en práctica pola administración galega deberan concretarse segundo a Plataforma en incrementos de cadro de médicos, cando menos 700 máis serían necesarios agora mesmo segundo avisan, e á beira debera perfeccionarse o seu labior diario. Neste sentido destacan especialmente que un médico de familia pasa preto da terceira parte do seu tempo de traballo diario prescribindo receitas, tarefa burocrática que podería axilizarse de poñer en marcha a "receita electrónica".