O alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, recoñeceu que un acceso de "urticaria" provocado pola lectura do preámbulo do novo Estatuto catalán lle impediu continuar a lectura do texto aprobado polos votos de todas as forzas políticas catalás, agás o PP. O proído do rexedor coruñés debeuse, segundo el mesmo, a que "o do preámbulo é un descoñecemento absoluto da realidade do que é esta nación, do que é España", que vén definida "pola súa historia, que a vertebra, lle dá razón, natureza e sentido". Vázquez fixo estas declaracións cando quedan dous días para a inauguración do seu "monumento á bandeira española", que ondeará de forma permanente no Orzán coruñés.
A prevista homenaxe consistirá no izado dunha gran bandeira española, no mesmo lugar onde ondeou duante do desfile militar do Día das Forzas Armadas. A bandeira estará nun mastro chantado nun perpiaño no que se colocarán as bandeiras esmaltadas das 17 comunidades autónomas, ademais da europea e da coruñesa. Vázquez tamén vai incluir unhas placas con textos explicativos en español, catalán, eusquera e galego sobre cal é a intención coa que o concello da Coruña ergue o monumento.
Amais da homenaxe a bandeira española, Vázquez anunciou que proporá unha mudanza no escudo da cidade da Coruña, de forma que un exemplar da Constitución paire por riba da Torre de Hércules.
Touriño non é partidario de "excitar bandeiras e símbolos", pero admite o "estilo propio" de Vázquez
Mentres que os representantes do PP no concello coruñés están encantados coas iniciativas de Vázquez e lamentan que "non sexa a opinión maioritaria do PSOE", o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, afirmou que "aínda que non é malo honrar a Constitución", non é "moi partidario de excitar demasiado bandeiras e símbolos". Touriño advertiu que "os sígnos e as bandeiras deben servir para unir, polo que non deben ser obxecto permanente de recuperación e ensinanza". Porén, recoñeceu que no caso de Vázquez "é unha cuestión de estilo propio, cinguida ao ámbito local" e asegurou que "como todas as iniciativas que supoñen un fortalecemento de valores constitucionais, non podo deixar de valorala como positiva e razoábel".
Henrique Tello (BNG): "É unha nova charlotada de Vázquez"
O voceiro do BNG no concello coruñés, Henrique Tello, asegurou que a homenaxe á bandeira é unha rememoración da estética franquista. Nós respectamos a bandeira, pero non esa ostentación. Isto é unha charlotada coa que Vázquez tenta desviar á opinión pública dos gravísimos problemas da cidade, como a decadencia económica, o descenso da calidade de vida e o alto prezo da vivenda".
Nunha carta aberta ao alcalde Francisco Vázquez, o concelleiro nacionalista, Manuel Monge, argumenta a súa negativa a participar no acto de inauguración do monumento á bandeira española no Orzán, que cualifica de "impúdica e innecesaria exhibición de españolidade e patriotismo".