O Centro de Estudos Sociolóxicos vén de facer pública unha sondaxe, realizada a finais de xuño e nas primeiras semanas de xullo, na que salienta que máis dun terzo dos encuestados consideran que a situación política e económica galega ía mellorar despois das eleccións autonómicas e na que, ao tempo, se subliña que o 60% da poboación consultada entendía que un cambio de goberno en Galiza era bastante necesario ou moi necesario. Unicamente o 29,5% das persoas entrevistadas valoran os resultados electorais do 19 de xuño como negativos.
Mala valoración dos partidos gobernantes
Un 56,8% dos cidadáns encuestados consideraban a xestión do Partido Popular na Xunta como regular, mala ou moi mala, fronte a un 30,3% que a valoraban como boa ou moi boa. A xestión do PSOE no goberno central non sae moi ben parada: unicamente un 23% valoraba como bo o labor do gabinete de Rodríguez Zapatero.
Goberno PSdeG-BNG: a mellor opción
A sondaxe, realizada aínda cando non se pechara o acordo de goberno entre PSdeG e BNG, expresaba unha confianza maioritaria no bo resultado das negociacións bipartitas e os cidadáns consultados entenden que a formula de goberno BNG-PSdeG está máis capacitada que un goberno en solitario do PP para a realizar unha boa xestión económica e xerar emprego, mellorar o encaixe de Galiza no Estado, desenvolver as infraestruturas e garantir un goberno estábel na Xunta.
A campaña electoral bastante interese e pouca influencia
Aínda que campaña electoral foi seguida con bastante e moito interese polo 45% persoas entrevistadas, tivo unha limitada indicencia na conformación da orientación de voto, xa que até un 83,4% dos encuestados tiñan decidido con bastante tempo de antelación o seu sentido de voto.
O traballo do CIS destaca asemade ofrouxo impacto dos inqueritos previos na decisión final de voto e tan só un 6,6% das persoas entrevistadas tomou en consideración as sondaxes previas ao 19 de xuño para fixar as súas preferencias electorais.
Representación de intereses fronte a lideres e ideas
Manuel Fraga é o lider galego máis valorado e o máis coñecido. O veterano político conservador tíralle dez puntos a Pérez Touriño e case doce a Anxo Quintana.
Con todo, os 38,6% dos electores entrevistados sinalan como a principal razón para elixir unha opción política a súa capacidade de defensa dos intereses de Galiza fronte á coindicencia ideolóxica (21,1%), a idoneidade dos seus candidatos (8,1%) ou a súa capacidade de xestión (8,1%). A lealdade partidaria é estimada como unha razón de peso á hora de decidir o sufraxio polo 15% dos cidadáns encuestados.
As dúbidas principalmente no espazo progresista
Un dos elementos que caracterizou a campaña electoral do 19-X foi a existencia dunha importante bolsa de indecisos; a sondaxe do Centro de Estudos Sociolóxicos bota algunha luz sobre as incertezas electorais dos galegos: un 13,2% dubidou entre votar ao PP ou ao PSdeG; un 37,2% vacilaron entre apoiar ao BNG ou ao PSdeG e tan só un 2,5% non tiñan claro se escoller a papeleta do PP ou do BNG.
A hexemonía ideolóxica do centro-esquerda
Os encuestados sitúan inequivocamente ao BNG como forza de esquerdas, identifican ao PSdG como opción de centro-esquerda e ao Partido Popular de dereita. Pola súa parte, o 29,8 dos entrevistados indentíficanse co centro, o 26,3% coa esquerda,o 7,5% coas posicións máis radicais da esquerda, un 14 coa dereita e un 3,8 coa dereita máis conservadora.
Identidade demediada: tan galegos como españois
Unicamente un 21,4% di sentirse máis galego que español e tan só un 3,5% di ser só galego. O 64,6% maniféstanse tan galegos como españois e o 8% distribúense a partes iguais entre os que se senten só españois e máis españois que galegos.
Os nacionalistas claramente identificados
O 26% das persoas consultadas consideranse «nacionalistas galegos» e a maioría dos encuestados teñen moi claro que o BNG é unha alternativa claramente nacionalista (7,76 sobre unha escala de 10) fronte a tibieza do PSdeG (4,53) e a frialdade do PP (3,14)