Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
APROBADA UNHA INICIATIVA DO PP PARA DIFUNDIR O HIMNO

O himno, a constitución e a nazón de Breogán

A comisión de educación e cultura do parlamento aprobou unha proposición non de lei presentada polo PP e modificada polo BNG na que "insta á Xunta a editar o himno galego, a súa historia e a dos seus autores, nun formato sinxelo e manexable que inclúa as novas tecnoloxías, co fin de facelo chegar á cidadanía do xeito máis amplo posíbel". O texto da proposta inclúe que se realiza "co obxectivo do seu coñecemento e da celebración do centenario da morte de Pascual Veiga e da estrea do seu himno". Despois da aprobación da proposición produciuse unha rifa dialéctica entre os representantes na comisión das diferentes formación políticas.

- 16:01 05/10/2005
Tags:

O nacionalista Xosé Ramón Paz Antón manifestou a súa satisfacción porque fose o propio PP o que impulsase esta iniciativa e "apoie a difusión deste himno e a consideración de Galiza como nación" (en referencia á última estrofa do texto na que se inclúe a expresión "Nazón de Breogán"). O deputado do PSdeG, Francisco Cerviño preguntoulle ao PP, con certa retranca, "se aceptan ese concepto, o de nazón, non o de Breogán".

O autor da proposta, o "popular" Roberto Castro retrucoulles dicindo que o concepto, tal e como o usa Eduardo Pondal, "é ben distinto a como o entendemos hoxe" e que esta definición non entra dentro do actual marco constitucional. "Andan na regueifa de intentar cambiar a Constitución por un lado ou por abaixo", engadiu.

Con todo, o deputado do BNG, Paz Antón, "saudou" a iniciativa do PP e considerou ademais que "pode ser un bo comezo, como o de Casablanca, para unha relación nos vindeiros meses nos que imos comezar a reforma do Estatuto". Porén, os deputados nacionalistas e socialistas deixaron entrever que o transfondo da iniciativa do PP é enlear ás dúas forzas políticas do bipartito nunha nova polémica. De feito, Roberto Castro comezou a exposición de motivos da proposta lembrando que no acto de proclamación do novo presidente da Xunta na praza do Obradoiro só se interpretou a primeira parte do himno e non na súa integridade como establece a Lei de Símbolos de Galiza. Un feito que motivara a protesta do dirixente nacionalista Francisco Rodríguez". "Se con esta inicitiva queren introducir estelas no goberno bipartito, van pinchar en óso", sinalou Francisco Cerviño.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: