Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GUÍA EXTERIOR DO IGADI

Autárquicas 2005, dez claves principais

O vindeiro domingo, 9 de outubro, os portugueses están chamados ás urnas para elixir aos seus representantes nos concellos. Os comicios autárquicos portugueses servirán para medir a correlación de forzas das formacións políticas portuguesas, apreciar as repercusións locais da xestión dos seis meses de goberno do socialista José Sócrates, e as posibilidades da oposición ante as próximas eleccións presidenciais de xaneiro de 2006. O IGADI ofrece na súa última edición da Guía Exterior algunhas das claves destes decisivos comicios.

- 07:24 03/10/2005
Tags:

Que se elixe nas eleccións Autárquicas 2005?
O próximo 9 de outubro, un total de 43.489 autarcas serán elixidos entre máis de 400.000 candidatos nos 18 distritos nacionais. Os cidadáns poderán votar para os tres órganos de poder local: Cámara Municipal, Asemblea Municipal e Junta de Freguesía. En canto á distribución político-territorial, en Portugal existen 308 autarquías locais, correspondentes aos concellos ou municipios. Estes son xestionados por unha Cámara Municipal, órgano executivo, complementado por unha Asemblea Municipal, como órgano deliberativo. O número de vereadores é calculado segundo a poboación do concello. Pola súa banda, as freguesías corresponden ás subdivisións administrativas dos concellos, con carácter de obrigatoriedade, coa excepción de Vila do Corvo nas Illas Azores.

En total, existen 8.747.103 electores censados, dos cales máis de oito mil están censados noutros países da Unión Europea e 18.641 en países con acordos de reciprocidade con Portugal. Tan só na capital, Lisboa, existen 537.357 electores, circunscrición co maior número de votantes.

Estimase que un monto total de 108 millóns de euros serán utilizados nesta campaña electoral do 2005, paradoxalmente, quintuplicando, en tempos de crise, o gasto realizado nas eleccións do 2001.

Cales son as principais forzas políticas?
O proceso electoral municipal está dominado polas dúas principais forzas políticas portuguesas, o gobernante Partido Socialista, PS, e o Partido Social Demócrata, PSD (centro-dereita). Existen outras toldas políticas de importancia como o Partido Comunista Portugués, PCP, que presenta candidaturas conxuntas co Partido Ecoloxista-Os Verdes a través da CDU (Coaligaçao Democrática Unitaria); o Centro Democrático Social-Partido Popular, CDS-PP (dereita ultraconservadora); e o Bloco de Esquerda, BE.

Quen son os principais candidatos?
As eleccións en Lisboa e Porto acaparan a maior atención. Os medios de comunicación portugueses prestan unha especial cobertura ás candidaturas dos seguintes políticos: Manuel María Carrilho (PS-Lisboa); María José Nogueira-Pinto (CDS-PP-Lisboa); Carmona Rodrigues (PSD-Lisboa); Francisco Assis (PS-Porto); Rui Rio (PSD-CDS-PP en Porto); Paulo Morais (PSD-CDS en Porto).

Existen tamén varias candidaturas independentes con extensa cobertura mediática, como Fátima Felgueiras (candidata por Felgueiras, quen estivo en prisión preventiva por 23 casos de corrupción e abuso de poder); Isaltino Morais (Oeiras), Valentim Loureiro (Gondomar) e Avelino Ferreira Torres (Amarante).

Esta considerable presencia de independentes é observada con atención polo centro-dereita e a dereita para acordar fórmulas conxuntas, a fin de afrontar a hexemonía da esquerda e os socialistas en determinados concellos.

Cal é a importancia destas eleccións na conxuntura política actual?
Ademais de representar unha oportunidade para modificar o mapa político local, hoxe con grande presencia conservadora, as Autárquicas deste ano están dominadas, principalmente, pola elección presidencial a celebrarse en xaneiro de 2006. O contexto actual amosáse favorable para os socialistas no goberno, trala maioría absoluta acadada en febreiro pasado, que agora tentarían consolidar recuperando as principais alcaldías.

A oposición do PSD-CDS-PP domina o poder local, coas decisivas Cámaras de Lisboa e Porto, que tentarán conservar. O obxectivo xeral do PS é constituírse como a principal forza política do país, para completar o seu éxito nas lexislativas e partir como favorito nas presidenciais.

Que papel xogan as eleccións presidenciais do 2006?
As eleccións presidenciais de xaneiro de 2006 opacan, en boa medida, as eleccións autárquicas de outubro. As candidaturas presidencias xa están prácticamente decididas. Polo Partido Socialista asoma a figura do ex presidente Mario Soares, mentres o centro-dereita volve a apostar polo seu líder histórico, Cavaco Silva.

A aparición de Manuel Alegre como candidato non oficial do PS non só aporta o seu caudal de emotividade ao proceso electoral senón que coloca un serio reto ao goberno de Sócrates. Outras candidaturas son a do comunista Jerónimo de Sousa, e a de Francisco Louça, do Bloco de Esquerda.

No apartado das sondaxes, diversas empresas de pesquisas sinalan a Cavaco Silva cun sólido apoio do 50% na intención de voto, e cun 36% para Soares. Pero estes índices poderían variar substancialmente a favor de Soares e o Partido Socialista despois dos resultados das próximas autárquicas, caso de darse unha segunda volta nas presidenciais, na que podería contar co apoio dos demais candidatos.

Como inflúe electoralmente a crise económica portuguesa?
O goberno de Sócrates tivo que afrontar as dificultades económicas e financeiras provocadas polo ingreso do país na "zona Euro" e a recesión do período 2003-2004. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, para xullo de 2005, a taxa de desemprego fixouse nun elevado 7,2%, mentres a producción industrial descendeu nun 2,4% e o índice inflacionario estabilizábase no 2,2%.

Coa finalidade de acadar un nivel de converxencia cos imperativos da UE, o goberno de Sócrates está empeñado un ambicioso plan de redución do déficit fiscal, estimado nun 3% do PIB. Tamén existen dificultades nos investimentos e o goberno espera presentar para o 14 de outubro un plan de orzamentos para 2006, con substanciais reformas na Seguridade Social. En marzo, o goberno implementou un programa de recuperación de 150.000 empregos.

Pero, a pesar de que o goberno recoñece a situación de crise nacional e rexistra a presenza das mobilizacións sociais e algunhas folgas, o panorama electoral non semella pasar excesiva factura á xestión de Sócrates, que maioritariamente é valorada de xeito aceptable.

A situación social e o debate político electoral
Se ben boa parte do debate electoral céntrase en asuntos económicos e nas reformas promovidas polo goberno, existen determinados temas sociais con ampla presenza electoral. Un deles ten que ver coa proposta gobernamental de despenalización e reforma da Lei do Aborto, que será sometida a referendo antes das presidenciais.

A reforma dos "rexímenes especiais na función pública" (coa redución de 75.000 empregados públicos) está a crear diversos conflitos co persoal docente, os militares, funcionarios públicos, procuradores e xuíces, que poden influir nos resultados electorais. En cidades como Lisboa, o debate electoral céntrase en temas como a seguridade pública e o aumento da presenza policial, o transporte, a sanidade, os programas educativos ou a reordenación urbana.

Do mesmo xeito, os problema dos incendios no período 2004-2005, especialmente nas rexións fronteirizas con Galicia e España como Bragança, Viana do Castelo, Vila Real, Castelo Branco ou Guarda, pode repercutir nos resultados en función, sobre todo, da actitude adoptada polas respectivas autoridades locais. Salvo Bragança e Castelo Branco, gobernadas polo PSD, as demais rexións están gobernadas polo Partido Socialista.

O goberno de Sócrates e o problema militar
O proceso gobernamental de reforma do réxime e a promulgación de medidas que afectan á asistencia na doenza dos militares, o aumento dos anos de traballo e a reforma do estatuto da reserva nas Forzas Armadas, provocou unha batalla frontal entre o goberno de Sócrates e algúns sectores militares, o cal deu paso á mobilización das forzas políticas conservadoras e de centro-dereita en favor dos dereitos dos militares.

Diversas manifestacións nas rúas foron convocadas por militares non activos enrolados en organizacións como a Asociaçao de Oficiais das Forzas Armadas, a Asociaçao Nacional de Sargentos e outras. O goberno non autorizou algunha destas manifestacións, alegando a necesidade de manter a cohesión nas Forzas Armadas e para evitar riscos nas súas relacións co estamento militar.

Sen embargo, a institucionalidade castrense manifestou publicamente o escrupuloso cumprimento da legalidade constitucional, afastándose cautelosamente das demandas dos militares retirados.

O mapa político nas principais cidades: ¿á espera de cambios?
Para as autárquicas 2005, agárdase unha forte polarización nas dúas principais cidades, Lisboa e Porto. Na capital, o candidato do PPD-PSD, Carmona Rodrígues, semella ter maiores opcións de vitoria sobre o socialista, Manuel María Carrilho e a candidata da CDS-PP, María José Nogueira Pinto.

En Porto, a confrontación é aínda mais acentuada, entre o alcalde Rui Rio (PSD-PP) e o socialista, Francisco Assis. Algunhas enquisas como Eurosondagem consideran que Rio podería renovar o seu mandato, incluso con maioría absoluta. Na sureña Faro, outro reduto electoral importante, apreciase un empate técnico entre o candidato do PS, José Apolinário, e o seu homólogo do PSD, José Vitorino.

Cales son as expectativas electorais ante estes comicios?
As eleccións autárquicas 2005 camiñan directamente ligadas ás presidenciais de xaneiro de 2006. O PS espera consolidar a súa posición política de cara aos comicios presidenciais de xaneiro. Neste sentido, a puxa entre Soares e Alegre por decidir a balanza do electorado supón un reto ineludible para o primeiro ministro Sócrates, nun panorama político singularmente polarizado.

Pola súa banda, a dereita política do PSD e CDS-PP confía en manter a súa posición nas autárquicas, aínda que experimente unha crise de liderado. Se ben o seu abandeirado histórico, Cavaco Silva, ten sólidas opcións de gañar a presidencia, o partido aínda non se recuperou da crise política interna vivida no 2004, coa dimisión de José Manuel Durao Barroso.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: