Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSELLO DA XUNTA

Benigno Sánchez, novo director xeral da CRTVG

O Consello da Xunta aprobou o nomeamento de Benigno Sánchez García, como novo Director Xeral da CRTVG. Sánchez García ocupaba até agora o cargo de Xefe da Inspección de Traballo na Coruña. A elección do posto de director Xeral da CRTVG correspóndelle, segundo a normativa en vigor (Lei 9/84 de creación da Compañía), ao presidente da Xunta. Emilio Pérez Touriño comprometeuse no parlamento a promover unha lei no primeiro ano da lexislatura para que o director xeral da CRTVG sexa elixido por maioría cualificada da propia Cámara, tal como consta no acordo de goberno entre o PSdeG e o BNG.

- 17:20 29/09/2005
Tags:

As formacións políticas que compoñen o bipartito incluiron nos seus programas electorais a promesa de variar este método de designación, de forma que sexa o parlamento, por maioría cualificada, quen nomee este cargo.

Durante a sesión de apertura do novo periodo do parlamento galego, o pasado 29 de xullo, Touriño lembrou o compromiso de que no primeiro ano de goberno se poña en marcha "unha lei que garantirá a independencia da radio e a televisión públicas" e que "o presidente da Xunta renunciará a esa potestade de nomeamento do director xeral da CRTVG".

De feito, no texto do acordo de goberno asinado polo PSdeG e do BNG figura a "elaboración dunha lei que garanta a autonomía e o carácter de servizo público da CRTVG. Esta lei establecerá o nomeamento do director xeral por maioría cualificada do Parlamento e garantirá o acceso dos distintos sectores e organizacións sociais galegos aos medios de comunicación públicos".

En 2001 un grupo de traballadores da CRTVG promoveron unha Iniciativa Lexistiva Popular, apoiada por máis de 19.000 sinaturas, para a democratización dos medios públicos. As dúas formacións políticas agora no goberno da Xunta votaron a favor desta iniciativa no parlamento galego.

A falta de confirmación oficial, o novo equipo directivo da CRTVG estará composto por:
- Suso Iglesias, director da TVG
- Xosé Manuel Pereiro, director de programas da TVG
- Roberto Cid, director de informativos da TVG
- Virgilio Costas, director da RG
- Xurxo Souto, director de programas da RG
- Manuel Pampín, director de informativos da RG

Currículum oficial de Benigno Sánchez, novo director xeral da CRTVG
Naceu en Rábade (Lugo), en 1957. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela.

En 1985 accedeu por oposición, co número 1 da súa promoción, ao corpo superior de inspectores de traballo e Seguridade Social, con destino inicial en Vigo. En 1988 incorporouse á empresa Construcciones Aeronáuticas, S.A. (CASA) como subdirector executivo da Dirección de Organización e Recursos Humanos.

En 1991 foi nomeado presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, polo presidente da Xunta, logo de consultar coas organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galiza, cargo que desenvolveu durante seis anos.

Posteriormente, integrouse no grupo empresarial Leyma- La Lactaria Española, S.A. como director de Organización e Recursos Humanos.

En 2000 é nomeado xefe da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social da Coruña, cargo que desenvolve na actualidade. Neste cargo, participou, por solicitude das partes, como mediador e árbitro en numerosos conflitos de carácter laboral.

Conferenciante habitual sobre cuestións laborais, sociais e da empresa en xeral, en foros universitarios e profesionais, ten numerosas publicacións sobre os temas da súa
especialidade.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: