O presidente de ACS, Florentino Pérez, asegurou que tratará co resto dos socios o nomeamento do novo presidente de Unión Fenosa, pero está disposto a designar aos catro conselleiros do grupo Santander na empresa eléctrica. Florentino Pérez afirmou que non cre que haxa decepción en Galiza polo feito de que a empresa que ao final logrou facerse co control de Fenosa non sexa de capital galego. Pérez tamén dixo que ACS podería aumentar no futuro a súa participación na empresa do 22,07% actual ao 25%. Despois de cualificar de "estratéxica" a operación de compra, o presidente da construtora sinalou que a entrada do seu grupo na eléctrica non afectará á OPA de Gas Natural sobre Endesa. Pérez explicou que a súa intención é "crear un gran operador de enerxía en colaboración co resto dos seus socios e con respecto aos competidores".