Os títulos de ACS e de Unión Fenosa lideran as caídas rexistradas esta mañá no selectivo Ibex-35 con baixadas do 6,26 no caso da construtora e de 2,18% no da empresa eléctrica. Porén, a parte vendedora, o BSCH experimentaba un aumento de 2,5% e só era superado canto ao volume de negociación por Telefónica.
Despois de a Comisión Nacional de Mercado de Valores levantase a suspensión das cotizacións das empresas implicadas na venda de Unión Fenosa, as acción de Fenosa fixaron o seu primeiro prezo en 26,60 euros, cunha revalorización de cinco céntimos respecto ao momento da suspensión. Ás 10:30 da mañá, as accións de Fenosa xa se vendían a 25,97 euros.
Por outra parte, á demisión de José María Castellano, vicepresidente de Inditex, hai que engadir a que presentou o auditor interno de Inditex, Fernando Aguiar Maroto despois da fracasada operación de compra das accións de Fenosa polo grupo galego composto por Amancio Ortega, Caixanova e a construtora San José.
José María Castellano: "Perdemos unha gran oportunidade para Galiza"
"Perdemos unha gran oportunidade porque Unión Fenosa naceu galega e hoxe segue sendo metade galega (...). Eu persoalmente estou desolado porque Galiza deixase escapar unha operación desta magnitude". O vicepresidente de Inditex, José María Castellano, non oculta nunha entrevista publicada polo xornal El Mundo a súa decepción ante o fracaso da operación de compra do 22% de Unión Fenosa propiedade do BSCH por parte do grupo de investidores galegos formado por Amancio Ortega, Caixanova e Jacinto Rey, da construtora San José. Para Castellano, o fracaso da operación débese fundamentalmente a un problema técnico que non tiveron en conta os tres negociadores: "o único que sei é que sen ser un experto na lei de OPA, presentábase un problema grave. Ao comprar o 22% sumado ao 4% que tiña Caixanova, había que lanzar unha OPA polo 50%. Creo que este aspecto pasóuselles por alto completamente até que interveñen os avogados. Pero xa era tarde de máis".
Castellano afirma que, á vista de que as negociacións se complicaban, ofrecéronlle a presidencia de Unión Fenosa se a operación saía adiante, pero o xa exvicepresidente de Inditex se negou a aceptar esta proposta. De feito, Castellano asegura que el non ten nada que ver co fracaso das negociacións, xa que era "unha operación persoal de Amancio Ortega e en Inditex xamais negociamos nada relacionado co patrimonio do presidente".