Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DE CINEMA DE DONOSTI

Ninguén sabe

Remata a Sección Oficial coa sensación xeneralizada de que este foi o peor Festival en moitos anos. Unha nova crónica de Martin Pawley desde Donosti.

- 18:43 23/09/2005
Tags:

Perdín de ver, esta vez a propósito, O veneno da madrugada, de Ruy Guerra, un dos históricos do cinema brasileiro que se limita a ser iso, histórico. Sei de quen foi e acabou fuxindo da sala na procura da luz e o sol que lle fixeran esquecer as espesuras narrativas dunha obra non moi ben acollida que digamos. Mais unha: Bang Bang Orangutang, de Simon Staho, estúpida mamarrachada festivaleira con pouca historia e moita histeria á cal non paga a pena dedicarlle un só milisegundo mais. A única satisfacción que me produciu foi a da certeza de que despois dela só quedaba un único filme a concurso por asistir. Sud Express, que así se chama, é unha sucesión torpe de estampas intranscendentes ambientadas en diferentes lugares polos que transita un tren que une Lisboa con París. Un taxista francés e fascistón, un inmigrante angolano que se empeña en chegar até Futuroscope ou un portugués que viaxa para reencontrarse cunha antiga namorada son algúns dos personaxes que asoman por un guión cheo de tópicos, algúns indignos, e que descoñece por completo o significado da palabra sutileza. Falada en portugués, español, árabe, francés e euskera, a súa variedade de acentos e escenarios pretende deixar un arrecendo multicultural que non é por si só dabondo como para rescatala do desastre.

Premiada en Sundance e tamén, non me pregunten a razón, no Festival de Cannes, Me and You and Everyone We Know, escrita, dirixida e interpretada por Miranda July, é unha parvada mal cosida e con algunhas situacións simpáticas case sempre a cargo dun cativo pequeno ao que lle corresponden os mellores, por absurdos, momentos do guión. Para min foi unha das maiores decepcións do certame, seguramente porque albergaba expectativas pouco razoábeis.

Infinitamente mais satisfactoria é Die Hoehle des Gelben Hundes (A cova do can amarelo), o segundo e fermosísimo filme da directora nacida en Mongolia Byambasuren Davaa, a mesma que hai uns meses foi nominada ao Oscar na categoría de documental por "A historia do camelo que chora". O retrato dunha familia nómade que pasa os veráns nun val illado daquel lonxano país deixa un moi estimulante sabor a verdade especialmente agradecido nunha edición como esta tan chea de roña. Portentoso o traballo coa nena protagonista, un prodixio de naturalidade e graza que xustifica por si só a visión dunha excelente película que ha de levar mañá algún dos premios paralelos. Vímola xa o luns pasado, nun pase matutino que se completou coa proxeción de "The Warmth of Earth", que poderiamos traducir como "O abrigo da Terra", unha curtametraxe de Jean Alee que vén avalada por Bhaman Ghobadi, gañador da Cuncha de Ouro o ano pasado. Doce minutos moi ben feitiños que ilustran unha xornada de labores no campo cun ton pousado que trae á memoria a figura colosal de Víctor Erice, o mellor director español de todos os tempos.

Anteriores: Flores doutro mundo


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: