Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DE CINEMA DE DONOSTI

O golpe

Terry Gilliam sacode o festival cun filme desmedido e irregular dos que non deixan a ninguén indiferente. Non é perfecto, vale, pero eu xa lle daba de boa gana a Cuncha de Ouro. Unha nova crónica dende Donosti, por Martin Pawley.

- 16:23 21/09/2005
Tags:

En condicións normais, Tideland, de Terry Gilliam, debera ser unha das peores cousas vistas nun festival que se pretenda de primeiro nivel. Pero neste de Donosti que estamos vivindo, nesta desoladora sección oficial que empezou provocándonos unha certa tristeza e que paso a paso vainos movendo a todos cara a unha moi fundada indignación, eu decidín que estou disposto a perdoarlle ao señor Gilliam todos os seus erros. Estou disposto a esquecerme desa hora longa durante a cal a película se perde por completo, sometida ao característico ritmo desenfreado dun artista que é antítese humana do minimalismo, que está convencido de que canto máis, mellor. Unha hora absurda que non me chega a irritar o suficiente como para que deba estarlle agradecido por sacarme da monotonía na que levo sumido a semana enteira. Unha hora perdida, si, pero arrebatadora no estético, cunha deslumbrante fotografía, unha portentosa direción de arte e unha fabulosa banda sonora, e non me refiro unicamente á música.

Cómo non sentirse subxugado polos seus prodixiosos primeiros trinta minutos, sen dúbida algunha os mellores, por seren os únicos momentos de cine vistos a concurso, con esa nena imaxinativa e perversamente encantadora (Jodelle Ferland) que lle prepara os chutes ao seu pai (Jeff Bridges)? Como non sentirse perplexo e fascinado polo seu final, polo demencial, lúcido e transgresor (este si, e de verdade) xeito de rematar a película? Eu son demasiado fordiano como para amar un produto que dista moito de ser redondo e que gañaría moitísimo se renunciase algo ao caos e apostase tan sequera un chisquiño pola prudencia; pero non podo deixar de recoñecer que despois de tantas Juanitas Narbonis, despois de tantos filmes franceses, dinamarqueses, alemáns, checos e arxentinos que eran xa antigos cincuenta anos antes de se rodaren, Terry Gilliam entrou no festival para rebentalo con dinamita, coma o tren da súa historia (e non lles digo máis), nun acto de terrorismo cinematográfico que agora mesmo me parece como mínimo estimulante. Non sei se me atrevería a ver de novo Tideland, seguramente non, pero polo menos aínda teño a dúbida, cousa que non me sucedería con ningún outro dos filmes a concurso.

Pola contra, Odgrobadogroba (De foxa en foxa), é unha verdadeira parida balcánica. Empeza sendo unha comedia simpática e algo extravagante, como se o director, Jan Cvitkovic, pretendese ser Emir Kusturica e apenas chegase a ser José Luís Cuerda, pero cando as poucas ideas exhibidas están xa esgotadas totalmente muda a comedia mediterránea pola traxedia gore derivando nun final absurdo e incoherente que estraga o pouco de bo que até ese momento tiña a fita.

'Zabaltegi' leva emitidos tres filmes seguidos enormemente interesantes, e parece que a cousa seguirá nesa mesma liña o que queda de semana. O luns, L'enfer, de Danis Tanovic, unha obra artificiosa e sofisticada pero fascinante dabondo como para que atendamos a ela con verdadeiro deleite. Baseada nunha idea orixinal de Kieslowski, o filme ocúpase de tres irmás marcadas por un suceso do pasado que supuxo un xiro abrupto na vida de toda a familia. O feito en cuestión acaba sendo unha absurda almodovarada, para qué negalo, pero qué importa a coherencia cando un ten a Enmanuelle Béart na pantalla e na rolda de prensa posterior do Kursaal. O mellor, os títulos de crédito.

Vers le sud, de Laurent Cantet, cóntanos as vacacións dun grupo de mulleres que marchan ao Haití da era Duvalier na procura de sol e sexo. A película foi para min un chisco decepcionante, en boa parte porque a ollada de Cantet é, como a dos seus personaxes, a dun turista con poucas ganas de comprender, e de feito vólvese un pouco convencional a medida que vai pasando o tempo, pero acaba sorprendéndonos cunha última escena excepcional, reveladora do mais desprezábel da condición humana.

Paradise now, dirixida por Hany Abu-Assad, é unha obra imprescindíbel. O retrato austero e honesto de dous xoves que van cometer un atentado suicida soaba, a priori, moi apetecíbel, pero o que nos ofrece é moitísimo máis: é un filme feito con enorme precisión e solvencia, con personaxes que non sentes distantes e que permite pequenas e saudábeis provocacións como a de que un dos mozos teña que repetir a gravación do vídeo no que comunica o atentado porque falla a cámara e que aproveite a ocasión para mandarlle un recado á nai. Sen contar a de Tavernier, Paradise now é, polo de agora, o mellor recordo fílmico que levarei de volta para casa. Vaian vela en canto se estree. Nin o pensen.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: