Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
POSIBLE TRASLADO DA PASTEIRA

A onde vai ENCE?

A ENCE multiplícanselle os mozos. A supresión do decreto de supramunicipalidade do que se beneficiaba a pasteira vén de truncar as espectativas de que esta peche o ciclo do papel coa construción dunha papeleira en Lourizán. A concesión dos terreos que ocupa na actualidade expira no ano 2018. Con todo, os intereses ambientais do concello de Pontevedra e da Xunta poderían acelerar o seu traslado, se é que este é posíbel. Perante a posibilidade de que ENCE mude de emprazamento chóvenlle as ofertas doutros municipios galegos. Ferrol, As Pontes, San Sadurniño ou Moeche, situados na área galega con maior produción de eucalipto, aspiran a levar o premio.

- 12:56 21/09/2005
Tags:

O posíbel traslado da fábrica de pasta de papel da ría de Pontevedra está levando a que varios concellos movan ficha. O alcalde de Ferrol –e presidente provincial do PP na Coruña- Juan Juncal quere que ENCE veña á comarca. Segundo apunta, este investimento paliaría en parte a crise que Ferrolterra atravesa tras a súa segunda reconversión naval. Juncal ofreceu a posibilidade de que a pasteira se desprace a un dos concellos da comarca, apuntando como candidatos ideais os de San Sadurniño e Moeche. Ambos os dous municipios, xunto aos de As Somozas, Cerdido e Mañón, forman parte da área de Galiza na que se concentra unha maior produción de eucalipto.

Con todo é das Pontes –situado dentro desta mesma zona- de onde chega a proposta máis concreta. O Concello ofrece solo industrial no polígono de Penapurreira. A súa proximidade ao río Eume e as boas comunicacións viarias da zona resultarían idóneas, segundo os responsables municipais, para a construción dun complexo que integrase pasteira e papeleira. Saben do que falan. E é que nas Pontes veñen barallando esta posibilidade dende hai anos. A cooperativa de produtores Cofogar presentou xa en 2002 un proxecto para a construción do devandito complexo nas Pontes. Iniciativa esta que nunca chegou a materializarse.

Con todo, a proposta de Cofogar si obtivo o apoio do concello pontés, que elaborou un estudo en 2003 para demostrar a súa viabilidade. Segundo as estimacións da súa análise, o complexo papeleiro precisaría un investimento de 600 millóns de euros e xeraría arredor de 850 postos de emprego.

Os cartos son, precisamente, o maior problema derivado do traslado de ENCE. Segundo o voceiro do comité intercentros da empresa, Ricardo Moya, o cambio de emprazamento é inviable, por razóns técnicas e económicas. Só podería falarse do peche e posterior construción dunha nova factoría, o que suporía un custo de 600 millóns de euros –tal e como apuntaba o informe pontés- inasumible pola compañía.

Deste xeito, non queda claro que ENCE vaia estar de mudanza. A falta do investimento preciso para construír unha nova factoría que cumpra coa normativa ambiental vixente podería levar á desaparición da única empresa pasteira de Galiza.


0/5 (0 votos)