O pleno do Congreso dos Deputados acolle nestes momentos o debate sobre a tramitación do Proxecto de Lei Orgánica de Reforma do Estatuto da Comunidade Valenciana. O texto chega á Cámara co apoio do PP e do PSPV-PSOE e co rexeitamento de Esquerda Unida-Entesa e ERC-ERPV que rexeitan que se consagre no Estatuto a expresión "lingua valenciana" e o establecemento da barreira electoral do 5% dos votos para obter un escano nas Cortes valencianas. Por outra parte, o presidente da Cámara catalá, Ernest Benach, anunciou que o debate sobre o novo Estatuto para Cataluña comezará no parlament o vindeiro día 28 de setembro e o proxecto votarase o día 30. Para ser aprobado precisa do apoio dos dous terzos dos deputados
O Bloc Nacionalista del País Valencià, que coincide tamén con estas críticas pero non conta con representación no Congreso, fará ouvir as súas emendas a través dos deputados do BNG, CiU e PNB.
O debate comezou coas intervencións dos voceiros do PP e do PSOE nas Cortes valencianas, Serafín Castellano e Joan Ignasi Pla, que avogaron para que o Congreso acepte a trámite o proxecto de Estatuto en nome do parlamento autonómico.
Tamén a vicepresidenta primeira do goberno español, María Teresa Fernández de la Vega, defendeu o proxecto de reforma do Estatuto valenciano porque "se fixo con consenso e porque consagra a Comunidade Valenciana no seo dunha España unida nos límites da Constitución".
Malia o acordo previo entre o PP e o PSOE, un dos aspectos do texto que podería someterse a revisión é a chamada "cláusula Camps", unha disposición adicional que establece que calquera ampliación das competencias das Comunidades Autónomas que non esteas asumidas no Estatuto valenciano obrigará a promover as correspondentes iniciativas para que a comunidade as asuma. O PSOE xa advertiu que esta cláusula sobrepasa os límites da Constitución española.
O texto introduce tamén o recoñecemento de "nacionalidade histórica" para a Comunidade Valenciana, a capacidade de disolución das Cortes polo presidente do goberno autonómico e a creación do Sistema Tributario Valenciano.