Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DE CINEMA DE DONOSTIA

Sombras e néboa

Laméntase José Luis Losa, o crítico de cinema de "El Correo Gallego", de que se teña perdido aquel antigo e bo costume de patear os filmes desastrosos nos festivais. Onte perdemos unha magnífica oportunidade de recuperar a tradición gracias ao penoso traballo que presentou Willem Dafoe. Unha crónica de Martin Pawley.

- 18:07 19/09/2005
Tags:

Que lle quiten o Premio Donostia, por favor. Before it had a name, de Giada Collagrande, é posibelmente a obra mais espantosa que eu gardo na memoria. Unha bochornosa idiotez desde o primeiro minuto até o derradeiro, e xúrolles que non é unha esaxeración. Indigna de figurar en ningún certame do mundo, a súa existencia só se xustifica por razóns puramente hormonais: Willem Dafoe debeu encapricharse desa rapaza italiana, a Collagrande (que dito sexa ao paso non é precisamente Mónica Bellucci) e en vez de poñerlle un piso o que lle puxo foi unha película. Eles dous xuntiños asinan o temíbel guión, carente do mais mínimo sentido e inzado de diálogos ridículos, cun par de frases para a historia do cinema de serie z (minúscula): unha na que Willem Dafoe vén dicirlle a Giada que el é o fontaneiro que lle vai amañar as avarías, ao mais puro estilo do porno cutre; e outra na que ela amosa en voz alta a súa perplexidade (e con acorde musical de fondo para reforzar a sorpresa) ante a presenza nunha alacena dun bote de curry malia que ao seu defunto marido non lle gustaba nada. Hai mais instantes inesquecíbeis, como ese plano da toalla manchada de sangue por mor dunha inoportuna menstruación, ou a impagábel escena do restaurante, cun camareiro que non sabe abrir ben unha botella de viño e a estraña aparición de Seymour Cassel, que se limita a saudar e a louvar a discutíbel beleza da señoriña Collagrande e de quen se di logo que bota demasiado perfume. Todo canto lles dixera sería pouco: é un espanto, unha atrocidade que fai que as películas de Ed Wood Jr parezan obras mestras.

Achégome polo Kursaal para ver algo mais de media hora de Wallace&Gromit, a primeira longametraxe que producen os estudios Aardman con eses celebrados personaxes. Sen ter a sensación de que me estea perdendo nada especialmente valioso deixo a sala para asistir ao pase de O arco, de Kim Ki-duk. O filme é xusto o que se espera del: un produto naif, poético (alá gustos) e infelizmente algo reiterativo. Eu sigo sen saber que debera atopar de valioso nas creacións do cineasta coreano.

A sección oficial deunos a coñecer tres novos títulos, e xa lles adianto que ningún deles vai mudar o curso da historia. Sete virxes, de Alberto Rodríguez, é un (mil veces visto) retrato de macarras adolescentes que protagoniza Juan José Ballesta, o neno de "El Bola" que medrou até se converter nun campión de España de full-contact, dato fascinante que nos ofrece o press-book e que supoño debe ser moi útil para calibrar unhas virtudes interpretativas que no esencial redúcense a un ou dous xestos. O filme é bastante facilón, pero o seu principal problema non é "como" está feito, senón "para que".

"Verán en Berlín" é unha película lixeira e algo bobalicona que mestura de maneira non totalmente compensada elementos de comedia e de drama para contarnos as vidas cotiás de dúas mulleres. É simpática e ten bo ritmo, e ademais as dúas mozas en cuestión son bastante fermosas, feito que se agradece moito despois de ter visto "Batalla en el cielo", pero con ela pásame como con "Sete virxes", que non deixo de preguntarme "para que". Unha xoia en calquera caso comparada coa rancia e vella La vida perra de Juanita Narboni, dirixida por Farida Benlyazid e cunhas patéticas interpretacións de todo o reparto, con mención especial para Mariola Fuentes e Chete Lera. Díxenlles ao principio que a de Dafoe era a peor película que lembraba; rectifico: "La vida perra..." ándalle aí aí.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: