Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CIDADE DA CULTURA

Touriño aposta por continuar o proxecto revisando os seus contidos

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse a completar o proxecto da Cidade da Cultura, aínda que espera nos próximos meses "redefinir" o contido deste macrocomplexo coa axuda dos principais axentes culturais do país. Touriño lembrou que o novo goberno herdou unha iniciativa cultural xa avanzada canto a realización e investimentos, polo que o obxectivo prioritario que se marca agora a Xunta é "darlle continuidade ao proxecto" da Cidade da Cultura, pero redefiníndoo e "buscando a súa mellor utilización". "É moi importante que a Cidade da Cultura responda a un auténtico proxecto cultural, que teña unidade como tal e que a súa viabilidade futura estea garantida plenamente", asegurou.

- 17:26 19/09/2005
Tags:

Touriño engadiu que o novo goberno abriu "un periodo de análise, reflexión e revisión dos contidos e da utilización e da propia viabilidade da explotación" para "extraer o mellor e o maior partido". Sinalou que nos próximos meses levará a cabo unha serie de consultas que permitirar "revisar e establecer cal será a utilización, funcionalidade e destino dalgún dos edificios do complexo que están pendentes de realización", en referencia ao Teatro da Música e ao Teatro da Ópera.

A preocupación da Xunta, sinalou Touriño, é que o proxecto "teña unha unidade como tal e que a súa viabilidade futura estea garantida plenamente", para o que é necesario que "sexa un foco de atracción capaz de captar presenza continua, de ter vida e visitantes, e ser protagonista dunha cultura que ten que ser viva, aberta e plural".

Pola súa parte, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, destacou que o anterior goberno do PP adxudicou xa 274 millóns de euros en obras na Cidade da Cultura e anunciou que esta semana proporá unha "nova xestión" e presentará o relevo do actual xerente da Fundación, Ángel Currás. Bugallo sinalou que quedan pendentes de adxudicación 37 millóns de euros.

O orzamento inicial da Cidade da Cultura, proxectada pola Xunta de Fraga, era de 132.823.675 euros. As obras comezaron en 1999 e estaba previsto que remataran este mesmo ano de 2005. Agora, as últimas previsións apuntan a que o prazo se alongará até, como mínimo, o ano 2008.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: