Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS DATOS DA CIDADE DA CULTURA

Da "cidade de Fraga" ao "proxecto para a cultura galega"

En 1999 comezaron as obras no monte Gaiás, en Compostela, para construír o que é o proxecto máis caro da nosa historia autonómica e, tamén, un dos máis polémicos: a Cidade da Cultura. Durante o goberno de Manuel Fraga foron moitas as voces de protesta diante desta obra colosal, uns denominárona como "o proxecto persoal de Fraga" e outros chamáronlle directamente "o mausoleo de Fraga". Agora, co cambio de goberno a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, centra boa parte do esforzo da súa consellaría en redefinir o contido dos edificios do monte Gaiás co que se pretende "darlle un uso para os que vivimos en Galiza e converter o proxecto nun referente para os que nos visiten", di a conselleira.

- 10:55 19/09/2005
Tags:

Antes de 2008 non está previsto que se albisque un posíbel remate das obras por iso dende o novo goberno, se ben se sabe que a construción da Cidade da Cultura non está a tempo de pararse, xa comezaron so contactos con diversos organismos (como o Museo do Pobo Galego ou o Consello da Cultura Galega) e axentes culturais que axuden a redifinir a idea inicial. Un dos contactos necesarios neste camiño é o encontro co creador da Cidade da Cultura, o arquitecto Peter Eisenman, que esta mañá se reúne coa conselleira de Cultura da Xunta, Ánxela Bugallo.

Dende que se iniciou a Cidade da Cultura en 1999, cunha dotación orzamentaria inicial de 15, 325 millóns de euros, só cinco das accións prevista están totalmente rematadas: a construción e apertura do vial de acceso á Cidade dende o multiusos Fontes do Sar, a galería de servizos, a planta mecánica, as torres de Hejduk e a primeira fase de urbanización (saneamento e pluviais, acondicionamento dos viais interiores e as infraestruturas de conducción eléctrica).

Queda pendentes aínda o remate dos edificios que albergarán a hemeroteca, a biblioteca, o edificio de servizos centrais, o Museo da Historia, as instalacións da galería, central técnica e coxeración, a acometida de enerxía eléctrica, o Teatro da Música e o edificio das novas tecnoloxías. As primeiras en estaren rematadas prevese que sexan a hemeroteca, en outubro deste ano, na que se invertiron 34, 85 millóns de euros e a acometida de enerxía eléctrica, que executa Unión Fenosa en dúas fases e que se prevé que estea rematada en agosto de 2006, igual que o edificio que albergará a biblioteca e que ten executado o 34% do seu orzamento.

As instalacións para a galería, central técnica e coxeneración, unhas obras que comezaron en febreiro deste ano, rematarán a súa primeira fase a finais do presente mes co que a segunda se prevé que estea finalizada, aproximadamente, dentro dun ano.

Os edificios que máis demorarán serán o de servizos centrais que, cun 20% do orzamento executado, se agarda que estea rematado a finais do ano que vén; e o Museo da Historia, cun prazo de remate fixado para xaneiro de 2008 e sobre o cal a consellaría de Cultura xa realizou contactos co obxectivo de redefinir o seu contido (ata o de agora cóntase xa coa colaboración do Consello da Cultura Galega e do Museo do Pobo Galego).

O edificio das novas tecnoloxías e mais o Teatro da Música, dúas das construcións máis polémicas, revisáronse nos meses de xullo e agosto deste ano, polo que a consellaría non dispón de datos sobrea situación dos mesmos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: