"Se puxeras mais lume nos teus versos, ou os teus versos ao lume, agora non estariamos morrendo de frío". Atribúeselle esa frase a Voltaire, quen lla dixo a un escritor que acababa de recitarlle os seus escritos. Seguindo o consello de Voltaire, eu propoño queimar uns cantos quilómetros de celuloide dinamarqués. Velaí a cuarta crónica do acontecido no festival de cinema de Donosti, por Martin Pawley.
Seica a cinematografía daquel país está vivindo un momento de grande vitalidade, ou iso deduzo ao ver a crecente presenza de filmes alí rodados nos festivais en xeral e neste de Donosti en particular. A vitalidade debe darse na industria, digo eu, e non tanto nas ideas e na creatividade, ou polo menos esa sería a conclusión a tirar despois de ver un filme tan pobre como Drabet (Homicidio), dirixido por Per Fly. O protagonista, Jesper Christensen, encarna a un profesor universitario que mantén unha relación paralela ao matrimonio cunha rapaza nova vencellada a un grupo antiglobalización. Nun ataque de tres deles a unha fábrica de armas morre atropelado un policía, pero como ningún confesa quen conducía a furgoneta nese intre acaban sendo exculpados do delito. Non me parece un eixo argumental moi verosímil, pero isto non suporía ningún problema se a historia estivese narrada cun mínimo de garra e paixón, cousa que lamentabelmente non acontece. Non chego a entender que é o que viu alguén nesta película para considerala merecente de aparecer na sección oficial dun certame de prestixio.
Fabián Bielinsky sorprendeu hai cinco anos con Nove raíñas, unha moi eficaz imitación de David Mamet que só fallaba nos seus frustrantes minutos finais. A habilidade súa como guionista e director é evidente, e un xuraría que non pasarán moitos anos antes de que sexa absorbido pola industria de Hollywood. A aura, o seu novo traballo, resultou ser unha pequena decepción. Esténdese ao longo dun excesivos 134 minutos que só se sosteñen polo labor interpretativo de Ricardo Darín na pel dun taxidermista epiléptico que se enlea no planificado atraco a un casino. O problema do filme é que está cheo de trucos, de detalles que non soportan unha análise rigorosa pero que son indispensábeis para que avance a acción tal e como a construíu Bielinsky. Por exemplo, abondaría que o personaxe principal apagase un teléfono móbil que garda sen vir a conto para que xa non houbese película. O mellor, insisto, Ricardo Darín, aínda que tamén penso que esta é a clase de actuación que el pode facer cos ollos pechados.
En "Zabaltegi' presentouse onte Inside Deep Throat, o documental que revisa a xestación de Gorxa fonda, o mítico e extremadamente rendíbel filme pornográfico que converteu a defunta Linda Lovelace en efémera acaparadora de portadas. Premiado no festival de Sundance, Inside Deep Throat peca de pouco ambicioso, pois o impacto social desa película hoxe xa esquecida daba para bastante máis, e infelizmente o interese esvae ao cabo de tres cuartos de hora. Con todo, teríame proporcionado o mellor momento do día de onte de non ser por Mistery in Mexico, de Robert Wise, obra evidentemente menor pero chea de oficio e cunha virtude que eu boto moito en falta no cinema contemporáneo: a brevidade. Mistery in Mexico serviume, ademais, para levar con dignidade a tristeza de saber que non poderei ver Nine lives, de Rodrigo García, obra da que todos me falan marabillas.
Drabet: http://www.imdb.com/title/tt0424971/