Mentres a sección oficial empeza a dar os seus primeiros e vacilantes pasos, un documental sobre Vinicius de Morães proporciónanos o primeiro gran momento do festival.A terceira das crónicas de Martín Pawley para Vieiros.
A cock and bull story, que poderiamos traducir como Historia dunha pirola e un touro, con perdón, é un filme tan divertido como insubstancial. Michael Winterbottom, un home que ten un elevadísimo concepto de si mesmo, achégase ao Tristram Shandy, todo un clásico da literatura inglesa, cun espírito evidentemente lúdico e algo resabido, empregando como xustificación a rodaxe dunha película baseada na novela de Laurence Sterne. O exercicio de cinema dentro do cinema supura moita ironía e dá para bastantes momentos brillantes, e Winterbottom tira o suficiente proveito do personaxe que encarna magnificamente Steve Coogan, que fai de Tristram, do seu pai e de si mesmo, nun retrato un chisco desapiadado da profesión de actor e todas as neuroses e egolatrías que leva aparelladas. A película proporcióname unha hora e media moi satisfactoria pero tamén a enésima confirmación de que Winterbottom mais ca un xenio é unha fraude. Asomará polo palmarés, non o dubiden.
Se fose un pouco mais longa do que xa é, Xirasol, de Xan Ian, podería emitirse en calquera televisión pública ou privada, esnaquizada en pequenas porcións para competir directamente con Frijolito ou os Gavilanes eses. E é que Xirasol é un culebrón, si, pero chinés; brando e simple coma o queixo fresco, cun pai empeñado en que o fillo lle saia un artista do debuxo e unha nai lercha que non parará até conseguir un piso. O fillo é o 'xirasol' do título, que vai medrando ao longo de vinte e tantos anos durante os cales a China mudou radicalmente até converterse nun país modernísimo, con teléfonos móbiles e pantallas de televisión dun feixe de polgadas, cousa que Xan Ian se esforza moito en amosar. A película acaba dúas ou tres veces, pero iso non é o verdadeiramente preocupante. O preocupante é que non acabase antes.
En 'Zabaltegi' proxectouse Batalla en el cielo, do mexicano Carlos Reygadas, que provocou unha certa polémica no último Festival de Cannes pola radical división de opinións entre os seus acérrimos defensores e detractores. A min paréceme unha estupidez, simplemente, pero non me chegou a irritar, en parte porque non entendín ben de todo o argumento dada a miña incapacidade para entender unha soa palabra das que di o ¿actor? protagonista. Entre estudadas composicións de plano e sofisticados movementos de cámara, case sempre gratuítos, o espectador asiste a situacións pretendidamente transgresoras, entre elas unha escena de sexo entre os dous personaxes mais feos da historia do cinema.
Mary, o último de Abel Ferrara, é un bodrio no que atopamos un director repugnantiño que rodou unha película sobre Xesucristo, un home que fai un programa de televisión sobre cuestións relixiosas e unha actriz que fica obsesionada coa figura de María Madanela, papel este que recae nunha sobreactuada Juliette Binoche. Marcho ao cabo de corenta minutos, con moi bo criterio por certo, para ir ver Vinicius, un marabilloso documental de Miguel Faría Jr que repasa a intensa biografía dun dos grandes xenios da música brasileira. Vinicius de Morães fixo nunha soa vida, e non demasiado longa, o que outros non daríamos feito en dez ou doce. Casou cun feixe de mulleres, cada unha mais nova cá anterior; foi diplomático e poeta (bo e malo), e acabou sendo o inventor da bossa nova e logo do afrosamba, de media MPB como quen di, e Deus se existira sabería que a MPB é o mellor que deu a música do século XX sen contar o jazz. O documental emprega como punto de partida o traballo de dous actores que están realizando unha obra sobre textos do grande mestre, e esa é xustamente a parte non diría que máis frouxa, senón directamente eliminábel, que ten o filme. O material de arquivo, as cancións (esplendidamente interpretadas por cantantes como Adriana Calcanhoto ou Mónica Salmaso), as entrevistas con xente que o coñeceu e tratou (Caetano Veloso, María Bethânia e un sublime Chico Buarque, fantástico en todas as súas intervencións)... todo o demais é un verdadeiro gozo. Beleza pura, xa saben.