Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DE CINEMA DE DONOSTIA

Principio e fin

Xusto na véspera da inauguración do Festival de Donostia morre en Los Angeles Robert Wise, o director ao que se lle dedica a retrospectiva clásica. Unha triste casualidade que devolve á memoria a vella lenda negra do certame. Unha crónica de Martin Pawley.

- 12:46 15/09/2005
Tags:

Acórdanse? Bette Davis, Anthony Perkins, etc. Mellor non nos poñamos a facer reconto de ilustres homenaxeados que non acabaron o ano despois de se achegaren a esta fermosa cidade do Cantábrico porque non hai necesidade de ser cruel xa o primeiro día. De feito, nin sequera vou ser cruel co filme inaugural, Obaba, e iso que razóns teño, e un feixe. Porque o "Obaba" de Montxo Armendariz é unha obra monstrosamente vella e absolutamente inconexa que en ningún momento consegue enfiar ben as diferentes historias que a compoñen, o cal tampouco é un gran problema porque, a fin de contas, ningunha delas ten verdadeiro interese. Pero, xa ven, a Bernardo Atxaga, o autor dos relatos orixinais, gustoulle moitísimo, mesmo dixo sentirse eufórico despois de vela. Ao mellor agardaba que fose aínda peor, quen sabe.

Así que ocupémonos de Robert Wise, quen por mérito e por idade pasaba por ser quizá o único gran director que nos quedaba dos mellores anos do Hollywood clásico. Un home que fixo practicamente de todo e case sempre ben, que empezou como montador de dúas obras mestras de Orson Welles, Citizen Kane e The magnificent Ambersons, e que ben axiña deu o paso á dirección da man do produtor Val Lewton con The curse of the cat people, un nome innecesariamente ameazador para unha obra que apenas tiña nada que ver co Cat people (A muller panteira) de Jacques Tourneur da cal era en teoría continuación.

Eu xa conto as horas que me faltan para volver a ver "The day the earth stood still" (Ultimátum á Terra), unha indiscutíbel obra mestra da ciencia fición con mensaxe. Fago e refago a miña axenda para saber se poderei ou non ir a algún pase de "Executive Suite" (A torre dos ambiciosos), un melodrama ambientado no mundo dos negocios con reparto estelar, ou de "I want to live!" (Quero vivir), un audaz achegamento ao tema da pena de morte. Teño a certeza de que non me perderei´"West Side Story" en pantalla grande, nin esa copia que prometen noviña de "The Andromeda Strain", pero sobre todo teño a certeza de que deberei aproveitar esta ocasión case única de descubrir algúns dos seus títulos menos coñecidos, como "Criminal Court" ou "Mistery in Mexico" ou "Two flags west". Porque Robert Wise era un director excepcional, dono dunha filmografía chea de momentos magníficos; e hoxe, despois de ver "Obaba", as súas dimensións como cineasta adquiren proporcións autenticamente colosais.

  • Anteriores: Grandes expectativas?


  • 0/5 (0 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: