Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NEGA A INFORMACIÓN QUE AO RESPECTO PUBLICARA ''LA REGIÓN''

Barreiro desminte o presunto pacto con Cuíña para a sucesión no PPdeG

"Eu tomo cafés con Cuíña coma os tomo con Alberto Núñez Feijoo ou Enrique López Veiga". Así se tomaba a brincadeira o presidente do PP lugués a información publicada polo xornal ourensán La Región segundo a cal Xosé Manuel Barreiro tería chegado a un acordo con Xosé Cuíña para repartírense o poder no PPdeG, presuntamente: a presidencia do partido sería para Cuíña e a secretaría xeral para Barreiro. O líder do PP en Lugo negou a existencia de tal apaño.

- 07:07 15/09/2005
Tags:

"Cantas máis candidaturas se presenten será moito mellor, porque iso reflectirá a pluralidade e o debate", defendeu Xosé Manuel Barreiro. "E non se trata de que uns poidan ser mellores ca os outros. Todos somos iguais, malia que uns digan que levan boinas e outros, como de min dixeron, que levamos birrete". Nesa liña, Barreiro aseguroulle aos medios que non falou con ningún dos "teóricos candidatos" da posibilidade de arranxaren candidaturas conxuntas e amosouse a prol da pluralidade de candidatos con opción ao liderado no partido.

Recoñeceu aínda así que si podería ser posíbel a existencia de acordos antes do Congreso que o PPdeG celebrará na segunda semana de xaneiro, aínda que ao respecto insinuou que no seu propio caso era probábel que optase en solitario á presidencia dos populares galegos. Así, insistiu en que non houbo encontros nas últimas semanas co ex conselleiro Xosé Cuíña e negou tamén que se tivesen producido contactos persoais co presidente dos populares ourensáns, Xosé Luís Baltar.


Ligazóns

0/5 (0 votos)