Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DE CINEMA DE DONOSTIA

Grandes expectativas?

A un día para o comezo do Festival de Cinema de Donostia é case inevitábel unha certa sensación de que desta vez falta algo. Nada a priori fai presaxiar que a edición número 53 do certame vaia facer historia, e desde logo a dose de cinefilia e mitomanía que o ano pasado aportou a presenza de Woody Allen non ten agora o seu equivalente a non ser que un sexa moi fan de Ben Gazzara. Quizá sexa ese un bon sinal. Unha crónica de Martin Pawley, a primeira das que enviará diariamente desde Donostia para os lectores e lectoras Vieiros.

- 08:34 14/09/2005
Tags:

Porque o ano pasado o Festival empezou da mellor maneira posíbel, co mestre neoiorquino botando humor e sabiduría á súa maxistral "Melinda e Melinda", e logo a cousa acabou que nin fu nin fa, cun deses premios mesopotámicos que non ofenden a ninguén pero que, sexamos honestos, tampouco é a clase de cinema na que un está pensando mentres fai a maleta camiño de Donostia. O perfil do 2005 é aparentemente baixo, pero nada impide que de aquí a unha semana esteamos dando chimpos coa ledicia ao descubrir inesperadas xoias procedentes de Corea do Sur ou de Marrocos.

Abrirá o xoves a sección oficial a concurso a estrea (ou case) de "Obaba", o filme de Montxo Armendariz que adapta varios relatos da premiada obra de Bernardo Atxaga "Obabakoak". En Toronto foi recibido con certo entusiasmo, así que podemos ter razoabeis esperanzas. Ese mesmo día disfrutaremos dun dos pratos fortes do certame, a lectura que Michael Winterbottom fixo do "Tristam Shandy" de Laurence Sterne e que leva por título "A cock and bull story". Terá o seu encanto ver polas rúas de Donostia ao protagonista Steve Coogan, quen xa traballara con Winterbottom na curiosa "24 hour party people". "Tideland", de Terry Gilliam, é outra das películas mais apetecíbeis, aínda que o seu argumento (unha nena que foxe da realidade da súa vida na granxa inventando o seu propio mundo fantástico) soa a xa coñecido. Entre os restantes filmes a concurso atopamos unha abundante representación hispana e a participación de cinematografías europeas pouco vistas, como a checa ou a eslovena, e tamén a un dos históricos do cinema brasileiro, Ruy Guerra, o da "Ópera do malandro", que nos trae agora "O veneno da madrugada", unha versión da novela "La mala hora" de Gabriel García Márquez.

O fillo do Nobel colombiano, Rodrigo García, presenta "Nine lives", un austero traballo que consiste en nove planos-secuencia nos que distintas mulleres falan das súas angustias cotiáns. Esta película exhíbese dentro do apartado mais estimulante do certame donostiarra, o das "Perlas doutros festivais", que nos permitirá ver antes de que se estreen comercialmente os últimos filmes de mestres como Bertrand Tavernier, tipos valiosos como Jim Jarmusch e xente que progresa axeitadamente como Laurent Cantet, Denis Tanovic ou Kim Ki-duk. Que mais podemos pedir, se aínda por riba para a clausura póñennos o "Match Point" de Woody Allen.

Dos Premios Donostia non lles vou falar moito, porque nin Willem Dafoe nin o xa citado Ben Gazzara acostuman a aparecer polos meus pensamentos; así que mellor pasamos ás retrospectivas. Ou á retrospectiva, mais ben. Porque con todo o respecto que podo sentir por Abel Ferrara, un cineasta de culto que nos noventa parecía imprescindíbel grazas a varios filmes rodeados de certa polémica, como "Bad Lieutenant" ou "The Addiction"; con todo o interese que me inspiran as películas escollidas para o ciclo "Rebeldes e insumisas", que intentará reflectir como amosou o cinema a evolución do papel da muller na sociedade, desde "A raíña Cristina de Suecia" a "Thelma e Louise"; con todo e con iso a retrospectiva con maiúsculas deste ano é a de Robert Wise. O gran Robert Wise. O de "Ultimátum á Terra", "West Side Story" e "A ameaza de Andrómeda". Un artista xenial que non acadou a celebridade que si posúen varias das súas películas.

Hai mais cousas, moitísimas mais cousas dentro no Festival. O festival é, de feito, absolutamente inabarcábel, cun par de centos de filmes proxectados en dez días, cunha morea de seccións que cada ano vai en aumento e con ideas maravillosas que as mais das veces pasan inadvertidas para case todos, como ese recén nacido encontro con cineastas africanos que imita e complementa ao xa mais establecido "Cine en construción". Só vou ser quen de contarlles unha pequena parte do que acontecerá en Donostia, pero... acaso non é un fermoso privilexio este de ter tanto onde escoller?


Ligazóns

0/5 (0 votos)