Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMPLICADO CUMPRIMENTO DOS PRAZOS

Máis da metade do orzamento do novo tren no Eixo Atlántico aínda sen investir

A circulación do tren de alta velocidade entre Vigo e A Coruña semella difícil que cumpra o compromiso de estar en marcha para o 2007. Algo menos de 28 km construídos en preto de oito anos de proxecto non agoiran prazos mellores para os máis de 130 km que aínda quedan por rematar. Ás portas da negociación cara aos próximos orzamentos xerais do Estado, o BNG aproveitou para preguntarlle polos números ao executivo. A resposta no Congreso amosa que deica agora só foron investidos 496 millóns dos 1.003 previstos para esta infraestrutura.

- 06:33 13/09/2005
Tags:

As cifras amosan que apenas 43 km máis están en proceso de obra na actualidade, mentres ca treitos de ata 54,5 km permanecen na fase de proxecto e un total de 33 km están aínda en estudo. Esta lenta evolución do eixo ferroviario atlántico non agoira a finalización da liña dentro dos prazos previstos, que teñen o ano 2007 coma límite.

Alén disto, o goberno nin sequera comprometeu unha data concreta para a prolongación desa liña do tren de alta velocidade deica Ferrol. Ao sur, permanece no aire a prolongación das vías ata a fronteira portuguesa, que inicialmente fixaran a data de conclusión da obra no ano 2009.

"Estanse levando a cabo coa máxima celeridade posíbel as actuacións precisas para cumprirmos cos compromisos de construción do Eixo Atlántico", recolle a resposta que o goberno central lle achegou ao Bloque. Ao tempo, aseguran que antes de fin de este ano se procederá á licitación de todos os treitos de obra entre as cidades da Coruña e Santiago. A maiores, déixase o treito Vigo-Pontevedra para a súa licitación aínda durante o próximo 2006.


Ligazóns

0/5 (0 votos)