Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INICIO DOS PREPARATIVOS DO CONGRESO

O PPdeG imponlles aos candidatos o aval do 20% dos compromisarios

Á volta do próximo Nadal os populares terán a cita congresual que debera poñer punto de inflexión no partido en Galiza. Esta semana o comité de dirección iniciou os preparativos para esa cita e a comezos de outubro a xunta rexional confirmará a data máis probábel, 14 e 15 de xaneiro. Agardando que a esa xuntanza clave acudan cando menos uns dous milleiros de compromisarios, a dirección decidiu que os candidatos a suceder a Manuel Fraga deban acumular un mínimo do 20% de sinaturas destes delegados para optar ao posto.

- 06:02 13/09/2005
Tags:

A dirección popular non quixo confirmar que na reunión deste luns se tivese falado da posibilidade de definir unha candidatura de consenso, debate do que a semana pasada o propio presidente do PP ourensán, Xosé Luís Baltar, dicía estar seguro de que ía producirse esta semana neste foro. Malia iso, o adiamento deica o mesmo mes de xaneiro da apertura de prazo para que se presenten as candidaturas, semella pista clara de que o PP quere espremer até o último momento esa posibilidade de reducir aspirantes e chegar a un candidato que lle dea satisfacción a todas as partes.

Diante desta cita clave que pechará a era Fraga no PPdeG e co prognóstico dunha elevada participación, o aval que se lle solicitará aos candidatos requerirá con probabilidade de non menos de 400 sinaturas de compromisarios para chegar a ese límite do 20%, reducindo así a carreira a non máis de catro candidatos.

Lembrámoslles que na actualidade só o ex conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, confirmou explicitamente a súa intención de entrar na carreira sucesoria. Veiga referíase á súa candidatura esta mesma fin de semana en entrevista publicada no Faro de Vigo, explicando que os outros probábeis competidores, Feijoo, Barreiro e Cuíña, "non representan o partido que a min me gustaría". O ex responsábel de Pesca na Xunta recoñeceu estar convencido de que a súa proposta non ten a confianza do "aparato do partido", pero advertiu que a súa aspiración é "gañar desde as bases". López Veiga insistiu na necesidade de transparencia no próximo Congreso e amosouse a prol de que desa cita saia un PPdeG que "renove mensaxe" e "diga con exactitude que somos un partido de centro" e "non nostálxicos do franquismo".


Ligazóns

0/5 (0 votos)