A consellaría de Cultura apoiará de maneira "incondicional" e dará os "pasos que sexan necesarios" para conseguir que as tradicións orais galego- portuguesas sexan declaradas pola Unesco Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Este foi o compromiso adquirido hoxe pola conselleira de Cultura e
Deporte, Ánxela Bugallo, despois de reunirse con Santiago Veloso, de Ponte nas Ondas, unha das entidades impulsoras desta iniciativa.
Ánxela Bugallo sinalou que "a partir de agora o Goberno galego non fará un seguimento desta candidatura senón que viaxará da man con esta xente, que fixo un esforzo monumental caseque en solitario até este momento".
A consellaría de Cultura comprometeuse a levar a cabo
"todos os contactos posíbeis" coa Administración española e a portuguesa co obxectivo da "firme idea" de que esta candidatura "vaia adiante. E o imos conseguir", asegurou Bugallo.
Asemade, a conselleira anunciou a posta en marcha dunha campaña de divulgación desta candidatura. Cultura colaborará na publicación dun DVD-CD e do libro 'Meniños cantores', recompilación de cancións tradicionais interpretadas por rapaces de escolas galegas e portuguesas.
Pola súa banda, Santiago Veloso, promotor desta candidatura, destacou o feito de que sexa xa finalista, polo que considerou que está nunha "magnífica posición" para acadar que a finais de novembro as tradicións orais galego-portuguesas sexan declaradas pola Unesco Patrimonio Inmaterial da Humanidade.