"O rescate ás vítimas está sendo tratado con dignidade e respeto e pedímoslles aos medios que non lles fagan fotos aos mortos", comunicoulle esta semana a axencia de control de emerxencias aos medios estadounidenses. Alén da recomendación, a axencia prohibiulles aos reporteiros o acceso ás embarcacións que buscan vítimas pola cidade. Os xornalistas denuncian que ao xeito do que xa fixera en Iraq, o goberno Bush non quere que as imaxes de cadáveres inflúan na popularidade da súa administración.
A administración forneceu xa aos servizos de emerxencia que traballan na cidade con 25 mil bolsas de plástico para cadáveres, nunha cifra que dá mostra dos agoiros cos que cavilan. Mentres, segue o dispositivo de evacuación dos dez milleiros de persoas que se pensa que poden seguir na cidade de Nova Orleans, resistíndose a saír do que queda de seus fogares.
Bush anunciou este xoves en discurso televisado que cada unha das familias afectadas polo furacán recibiría de xeito inmediato dous mil dólares, algo máis de mil seiscentos euros, medida para a cal oa administración achega cen millóns de dólares e asegurou que habería próximas axudas para garantir o apoio a longo prazo a estes cidadáns. Pouco despois, o Congreso aprobaba unha nova iniciativa de emerxencia que establece 51.800 millóns de dólares para servizos de rescate e reconstrucción.
Ao tempo, os servizos meteorolóxicos informaron de novos furacáns de intensidades significativas a pé das costas dos EEUU. Dous deles, bautizados Nate e María, estaríanse afastando, respectivamente pola zona das Bermudas e Terranova, mentres que medra a preocupación por un terceiro, nomeado Ophelia, que se achega ás costas de Florida. As últimas novas desde o Centro Nacional de Furacáns, con sede en Florida, eran que o Ophelia se mantiña próximo ás costas con ventos de 120 km/h, categoría un, na escala de cinco niveis de Saffir-Simpson, e que existe o perigo de que ao xeito do Katrina medre en forza polo efecto das augas cálidas do lugar.