O estadio de San Lázaro, en Compostela, acollerá o primeiro partido da nova selección galega de fútbol o día 28 ou 29 do vindeiro mes de decembro. Así o acordaron este xoves a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, nun xantar que mantiveron en Madrid cos xogadores galegos, Michel Salgado, Xurxo Otero e Fran. Durante a reunión, os tres xogadores profesionais amosaron a súa satisfacción por botar a andar -"despois de tantos anos tentándoo", en palabras de Fran- a primeira selección galega desde os tempos da segunda República.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, manifestou o seu desexo de que "este partido sirva para que todos os nenos e nenas se animen a practicar deporte e para iso é fundamental que teñan un espello no que mirarse".
Domínguez Olveira, promotor desta iniciativa, afirmou que "nos queda conversar con adestradores emblemáticos para conformar definitivamente o equipo, aínda que xa falamos de Xurxo Otero e Fran para seren os capitáns como os veteráns do fútbol galego". Sobre a selección rival para este primeiro encontro, o director xeral comentou que se están a barallar varias posibilidades de combinados competitivos "e que teñan relación con Galiza".
Míchel Salgado, actualmente xogador do Real Madrid, amosouse moi feliz "logo de tantos anos agardándoo" e expresou o seu desexo de que "perdure e que sexa un punto de partida para que o fútbol galego mellore e que os nosos deportistas teñan máis oportunidades". "Creo que vai ser unha xuntanza bonita para os afeccionados e para o pobo galego", agregou.
Pola súa banda, tanto Fran como Xurxo Otero manifestaron a ilusión que lles produce pechar as súas respectivas carreiras inaugurando a andaina da selección nacional. O ex celtista afirmou que "en Galiza hai moito potencial para facer unha selección altamente competitiva".