A Casa Branca anunciou que Michigan, Oregon, Illinois, Washington e Novo México, únense aos estados onde se decreta este nivel de emerxencia, co obxetivo de que poidan dispoñer con urxencia de fondos federais para axudarlles á reubicación dos milleiros de desprazados polo furacán. Mentres, os demócratas critican que Bush pretenda liderar a investigación sobre os défices na xestión da crise e piden unha comisión independente.
"Non creo que o goberno deba investigarse a si mesmo", advertiu a senadora demócrata Hillary Clinton ao respecto do anuncio de George W.Bush de que el mesmo se ía poñer á cabeza da comisión que investigaría o acontecido.
Na opinión da Clinton, que asoma ademais coma posíbel candidata do seu partido para as vindeiras eleccións de 2008, os datos que xa amosan a ineficacia no despregue do dispositivo de emerxencia para atender as zonas afectadas pola catástrofe fai necesaria unha investigación que siga o modelo independente da realizada logo dos ataques do 11S. "Non creo que nin presidente nin Congreso poidan levar adiante a investigación obxetiva e independente que precisamos", afirmou Hillary Clinton.
Nunha sondaxe de ì]Gallup publicada pola CNN o 42% dos enquisados puxéronlle un suspenso á xestión da crise realizada pola administración Bush, cualificándoa no 24% dos casos de "moi mala".
Ao tempo, medra a preocupación polos efectos que esta catástrofe vai ter na evolución da economía estadounidense, que xa vén amosando un alto défice orzamentario e que non semella ir desprenderse a curto prazo do lastre da guerra de Iraq. Os primeiros agoiros económicos, publicados este mércores pola Axencia do Orzamento dos EEUU apuntan a unha caída do 1% no PIB dos EEUU e á perda deica final de ano duns 400 mil empregos.