Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTREVISTA CO COORDENADOR DE ''VILAS DIXITAIS''

Manuel Caínzos: "É fundamental o concepto de autosustentabilidade"

"Asumimos dende un primeiro momento que o éxito do proxecto pasa por involucrar aos cidadáns, a través das numerosas e activas asociacións existentes nos dous concellos". O coordenador de Vilas Dixitais, proxecto para o desenvolvemento da sociedade da información nas Pontes de García Rodríguez e Vilalba, cóntanos das actuacións pioneiras realizadas nestes concellos e da importancia das redes cidadás cara ao futuro deste tipo de iniciativas: "o compoñente humano, que será o que manteña vivo os telecentros e o proxecto unha vez que rematen os fondos".

- 07:35 08/09/2005
Tags:

De que punto se partía nos concellos de Vilalba e As Pontes, a que nivel de fenda dixital falamos e cales eran as prioridades a solucionar?
Por enriba de todo, o obxectivo esencial de Vilas Dixitais era evitar unha nova fenda no seu territorio. As Pontes e Vilalba son dous concellos rurais, dos máis extensos de Galicia. Comparten a orografía complexa, a dispersión da poboación e uns índices socioeconómicos baixos. Esas características coinciden co perfil de risco de infoexclusión. Aínda que non se trata só de evitar quedar rezagado, hai que avanzar. Nos partimos co convencemento de que o desenvolvemento da sociedade da información é fundamental para o futuro dos concellos como Vilalba e As Pontes.

Cáles son as fases e metas previstas no proxecto?
Coas actuacións xa en marcha dentro de Vilas Dixitais, estamos conseguindo que os cidadáns cun maior risco de quedar á marxe da sociedade da información se involucren nela e coñezan as súas vantaxes.

Hai moito traballo por facer, pero hai que ir paso a paso. Primeiro formamos á xente da zona rural, familiarizámoos coa rede e aportámoslles certo coñecemento e manexo da rede. Facémolos partícipes dos servizos e aplicacións da rede. Todo eso sen esquecer as infraestruturas, tan abandonadas no rural. Cómpre lembrar que no territorio de Vilas Dixitais seguen existindo numerosas parroquias con telefonía TRAC, algo que tiña que estar solucionado en decembro de 2004.

Do contraste de experiencias con outros lugares onde se desenvolve a iniciativa "Cidades Dixitais", que particularidades ou boas experiencias achega Vilas Dixitais?
A dixitalización dos medios de comunicación municipais das Pontes é unha actuación pioneira a ámbito estatal. En canto á creación dunha rede cidadá, hai que destacar a relevancia das asociacións, o compoñente humano, que será o que manteña vivo os telecentros e o proxecto unha vez que rematen os fondos do programa Ciudades Digitales.

Cóntanos algo máis desa iniciativa de dixitalización de RTVi As Pontes
Como xa sinalei antes, a actuación sobre os medios de comunicación públicos das Pontes é unha iniciativa pioneira a nivel estatal. Supón a integración de tres medios (radio, televisión e internet) nunha soa ferramenta, que facilitará o traballo dos xornalistas, permitirá o aforro no servizo e axilizará a produción da información.

Por outra parte, hai que salientar que os veciños deixarán a súa relación tradicional como receptores pasivos para convertirse en axentes activos dos medios, incluíndo contidos que eles mesmos consideran de especial interese.
No último foro estatal sobre "cidades dixitais", celebrado en Teruel, e onde ademais se espuxo o proxecto de Vilas Dixitais, sobre que problemas ou necesidades coincidiron os representantes dos diversos proxectos do Estado? Que destacaría vostede das conclusións?
Hai unha gran sensibilidade polos sectores desfavorecidos. Aínda que moitos dos proxectos contan con accións moi rendibles economicamente, todos poñemos especial énfase no compoñente social e na necesidade de axudar aos grupos de risco. Hai proxectos para hospitalizados, terceira idade, discapacitados, presidiarios, etc. O factor social é o que marca e diferencia os proxectos da iniciativa Ciudades Digitales.

E do contraste en particular co resto de iniciativas vencelladas a nivel galego, caso das integrantes do hai pouco constituído "Foro permanente de Cidades Dixitais de Galicia"?
Salientando o bo traballo formativo e dinamizador dos concellos de Redondela e Verín, que participaron na iniciativa de Cidades Dixitais que puxera en marcha a Xunta no ano 2000, da mán de Telefónica e Tissat, creo que tanto o proxecto da Estrada dixital como o de Vilas Dixitais van moito máis alá. Tratamos de avanzar dun xeito global. En calquer caso, e especialmente para administracións con tan poucos recursos como as locais, sempre é bon poder compartir experiencias, coñecementos e erros co resto de concellos que están traballando no mesmo.

Como xestionou Vilas Dixitais o obstáculo tecnolóxico de levar a rede a un contorno de núcleos de poboación tan disperso?
Dende moito antes da creación de Vilas Dixitais fomos conscientes de que a dispersión, a extensión e, sobre todo, a orografía dificultarían o acceso á rede nas zonas rurais. Durante varios anos mantivemos xuntanzas con todas as operadoras existentes, co fin de levar a rede a todo o concello. Na maior parte dos casos atopámonos coa súa incapacidade técnica; noutros, como no do operador predominante, coa súa deixadez e falta de interese. Hai dous anos, xurdiu a posibilidade de conectar os telecentros das parroquias vía satélite. A longa tramitación do programa Ciudades Digitales e a excesiva burocracia impediron que a rede chegase a eses puntos ata este mes de xullo.

É evidente que para elevar os índices de conexión e coñecemento habería que axilizar os trámites administrativos, especialmente no referente a novas tecnoloxías, pero a día de hoxe podemos indicar que todas ar parroquias de Vilalba e As Pontes dispoñen cando menos dun punto de conexión a internet.

Alén do fornecemento da tecnoloxía, dependerá o éxito de Vilas Dixitais de acadar o compromiso dos cidadáns coas novas posibilidades que as tecnoloxías lles ofrecen? Nese sentido, como é a evolución deica agora?
Os proxectos subvencionados polas diferentes administracións deben ter moi en conta o concepto de autosostenibilidade, algo que en moitos casos se obvia. Vilas Dixitais asumiu dende un primeiro momento que o éxito do proxecto pasa por involucrar aos cidadáns, a través das numerosas e activas asociacións existentes nos dous concellos. Neste sentido, a súa colaboración e interese está sendo plena, tanto na actuación de formación como na instalación e adecuación dos telecentros.

Cal é a avaliación global da traxectoria do proxecto?
O proxecto Vilas Dixitais remata este mesmo ano 2005, así que nos vindeiros meses presentaremos as diferentes actuacións realizadas neste programa. Logo dun longo traballo, agora comezan a verse os resultados, que eu considero que son moi satisfactorios e do gusto dos cidadáns. As impresións que recollemos ata o momento son boas. En adiante, o turno será deles.


0/5 (0 votos)