Reporteiros sen Fronteiras denunciou mediante un comunicado "o clima de inseguridade xeneralizado" no que traballan os informadores en Nova Orleáns e fíxose eco de tres casos de "violencia exercida cos xornalistas" que cobren nesa cidade as tráxicas consecuencias do paso do furacán Katrina.
Segundo o comunicado de Reporteiros sen Froneiras, Tim Harper e o fotógrafo Lucas Oleniuk, do diario canadense Toronto Star, foron "vítimas da violencia policial" cando cubrían un enfrontamento entre axentes e saqueadores. O relato de RSF, extraído dun artigo no que ambos os dous informadores fixeron pública a súa experiencia, sinala que "foron ameazados varias veces cunha arma por uns policías". Cando estes se deron conta de que Oleniuk os fotografara, arrebatáronlle dúas cámaras -segundo RSF- para retirar as tarxetas de memoria, que contiñan preto de 350 imaxes, e a Harper substraéronlle o seu carné de prensa.
Ademais deste caso, RSF asegura que Gordon Russell, do diario local Times-Picayune, foi detido cando cubría un cruzamento de disparos no centro da cidade. "Os axentes de policía tiraron ó chan todo o equipo do xornalista -conta RSF- quen, para escapar á violencia, viuse obrigado a agacharse".
"Entendemos que as forzas da orde están desbordadas e somos conscientes da extrema tensión e as difíciles condicións a que deben enfrontarse nas rexións afectadas. Porén, resulta moi preocupante que iso se traduza en violencia contra os xornalistas", sinala o comunicado.