Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE A INDIA (16)

Unha esperanza que non custa nin 100 euros

Manigandan non ve dun ollo nin ten forzas máis que para tocar o dedo que lle tendo á súa man diminuta. Cando por fin dá enguedellado os seus dediños no meu decide non soltalo. Ten un problema de corazón. Necesita unha operación, dúas en realidade, unha para o corazón e outra para o ollo. Ambas son gratuítas pero o problema é que a familia non ten cartos para trasladarse ao hospital e ficar aló o tempo necesario. María Reimóndez escribe para Vieiros dende a India, onde traballa en proxectos do colectivo Implicadas no Desenvolvemento.

- 08:04 07/09/2005
Tags:

Choiva
As pingas son como puños. Conseguen traspasar as tres capas de roupa e chegarme á pel. Sinto o bico mollado na cara, a treboada é tan escura que parece a noite. Ou un eclipse. Penso. Nas pingas que caen sobre os tellados de uralita. Penso. Nos nenos que pensan na tsunami. Penso. Nos labregos contentos por fin. Penso. No aire fresco na cara. Respirar.

Refuxio
Non podemos avanzar máis con esta choiva feroz. Chegamos a Mathagadi onde tiñamos reunión cun grupo de aforro pero é imposible cruzar a rúa. Deixamos a moto debaixo dunha árbore e metémonos no porche dunha casa. É sólida, de cemento. No seu interior persoas coas que normalmente non tratamos. Dinnos que pasemos, ofrécennos té. A casa está sen pintar por dentro, puro cemento. Pregunto discretamente se hai un baño. A resposta sería interesante para eses que constrúen latrinas que nin unha incipiente clase media considera necesarias.

Problemas creados
Outra aldea revolta. Desta vez Mandapattur. Outra ONG decidiu crear un grupo de aforro de mulleres pero darlle o fondo ao panchayat. O conflito está creado. Á parte da ilegalidade da acción (as mulleres foron poñer xa unha denuncia ante as autoridades) non aturo eses xogos de poder, ese querer darlles xabón aos cus sentados do panchayat e ignorar os seus abusos. O único que me parece admisible é tentar non ofendelos na medida do posible, pero nós non nos deixamos intimidar polos seus manexos. Por se xa non tiñamos pouco traballo nunha aldea esmagada, agora hai que volver mediar as guerras dos demais.

Refuxio con patas
O refuxio temporal de Mandapattur ten patas. Antes estaba nunha localización. Agora estano trasladando a outro lugar. Manjula senta coa súa veciña na nova ubicación da súa "vivenda" co seu fillo que ten febre. É viúva e está soa. Non sabe que facer coa compensación que recibiu do goberno. Ambal recoméndalle que cambie o diñeiro a unha conta que lle dea bos xuros. Allamelu irá con ela ao banco. Pero con iso non abonda. Entra na lista de prioridades para o próximo curso de capacitación laboral.

Manigandan
Ao final podemos asistir á xuntanza que adiou a choiva. As mulleres falan e toman acordos. Estamos dentro do templo. Véxoo cando saímos. En brazos de súa mai, ten nove meses pero non semella máis ca un neno recén parido. Manigandan non ve dun ollo nin ten forzas máis que para tocar o dedo que lle tendo á súa man diminuta. Cando por fin dá enguedellado os seus dediños no meu decide non soltalo. Ten un problema de corazón. Necesita unha operación, dúas en realidade, unha para o corazón e outra para o ollo. Ambas son gratuítas pero o problema é que a familia non ten cartos para trasladarse ao hospital e ficar aló o tempo necesario. Miro a Ambal e entendemos que non hai tempo que perder. Cando chego á oficina sento mirar un anaco para o ceo preguntándome se realmente Manigandan terá forza suficiente para tanto. Pregúntome con dor se chegará ao ano de vida. Pero do que non teño dúbida é de que tanto el como os seus pais merecen a oportunidade da esperanza. Unha esperanza que non custa nin 100 euros.

AS CRÓNICAS ANTERIORES:

  • Reencontro inesperado
  • Aínda son moitos os esforzos que pagan a pena de verdade
  • A alfombra máxica
  • Emprendedoras de Humanidade
  • O meu agasallo
  • As mulleres perfectas
  • A voz
  • Ondas na auga
  • Un pouco de atención
  • Outros efectos da tsunami
  • Preocupación
  • Desexos dunha experiencia exótica
  • As nenas non bailan
  • As nenas e os nenos teatreiros de Kuwavan Kulam

  • Tamén en Vieiros: as Crónicas dende a India de María Reimóndez no verán de 2004


  • 0/5 (0 votos)