O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o goberno galego acordou que os libros de texto para o vindeiro curso 2005-06 de educación primaria sexan totalmente gratuítos. Esta medida, que previsibelmente se aprobará o próximo xoves no Consello da Xunta, beneficiará a un total de 123.857 escolares galegos, unhas 82.000 familias, e supón un investimento de case 13 millóns de euros. O anunciou desta decisión produciuse despois da xuntanza que mantiveron esta mañá o presidente da Xunta e a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, cos membros das confederacións galegas de pais de alumnos de centros públicos, CONFAPA, e centros privados, CONGAPA.
Os pais que queiran acollerse ao programa de gratuidade para calquera nivel de ensino primario deberán entregar os libros de texto no centro educativo, preferentemente, nos primeiros dez días naturais contados a partir da publicación da orde no DOG. Porén, Touriño sinalou que haberá "un prazo amplo para que todas as familias poidan acollerse", polo que a marxe será de 40 días.
Os centros educativos entregarán un documento coa listaxe de libros recibidos e comunicarán á consellería de Educación os alumnos acollidos a este programa de gratuidade. Unha vez comprobada a certificación de cada centro, a administración tramitará o pagamento pola cantidade que corresponda. Unha vez que o centro reciba o importe da consellaría, deberá aboar a cada familia a cantidade que lle corresponde, cun prazo máximo de 15 días.
de 15 días.
Touriño asegurou que a Xunta pretende "seguir avanzando para até extender esta medida en todo o ensino obrigatorio", aínda que o proceso deberá ser gradual e enmárcase "no horizonte desta lexislatura".
Preocupación do sector editorial e dos libreiros
Sobre as posíbeis críticas que pode suscitar esta medida entre os libreiros e o sector editorial, o presidente da Xunta pediu "unha reflexión", xa que un programa de "alto impacto social e referido á educación non pode ser mediatizado polos lexítimos intereses dun sector".
Porén, Touriño expuxo a "vontade da Xunta" de que, a través das consellarías de Cultura e de Comercio, se poida desenvolver "un programa e un diálogo" co sector do libro en Galiza para "coñecer a súa situación no mercado actual".
Touriño comprometeuse a impulsar unha acción de modernización e axuda ao sector do libro a través de medidas como a creación de centrais de libros, do uso de novas tecnoloxías na venda, de accións de formación e da especialización do sector.
Un dos primeiros editores en facerse eco desta medida foi o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, quen no seu blog recoñece o "sorprendente" desta medida e asegura que "o sector editorial e libreiro, inmerso na voráxine da campaña de comercialización dos libros de texto, non recibiu información ningunha sobre a implementación e as modalidades desta importante medida".
Pola súa parte, o presidente da Federación de Libreiros de Galiza, Xaime Corral, mostrouse preocupado pola medida do novo goberno que, segundo el, "dá en toda a liña de flotación do sector". Corral non quixo facer unha valoración en profundidade antes de coñecer a proposta concreta da Xunta, pero advertiu que o novo goberno xa coñecía a oposición dos libreiros galegos ao sistema que se emprega para a gratuídade dos libros de texto e sinalou que con esta medida "se están cargando postos de traballo".