"Está dentro do razoábel pensar nunha cifra duns dez mil mortos", advertiu o alcalde da cidade de Nova Orleans, Ray Nagin. Ao tempo, desde o bando demócrata a agora senadora Hillary Rodham Clinton dirixiulle unha carta ao presidente Bush onde lle solicita a apertura dunha comisión de investigación ao xeito da que se puxo en marcha logo dos ataques do 11S ao tempo que lle anunciaban propostas parlamentarias, entre outras, para separar a axencia federal de emerxencias do ministerio de Seguridade creado pola administración actual para privilexiar as súas políticas de loita antiterrorista.
O prestixioso xornal estadounidense The New York Times facíase eco este luns da estratexia da administración Bush para tratar de que a crise aberta logo do paso do furacán Katrina e a lentitude e ineficacia amosada na resposta do goberno abrise máis fenda na decrecente popularidade do mandatario.
Citando fontes republicanas, o diario explica que esa estratexia incluía ignorar as críticas dos demócratas para tratar de que esmorecesen entre a avalancha de información, así coma unha ampla xira publicitaria pola zona do presidente e outros membros do goberno e o ninguneo das autoridades locais ás que se trataría de sinalar coma os responsábeis indirectos do défice na xestión das axudas.
Mentres, comeza a chegar de todo o mundo a axuda internacional solicitada oficialmente pola administración estadounidense. O detalle das necesidades exposto nas peticións oficiais da oficina de emerxencia norteamericana sorprende ademais polo básico dos recursos requiridos e poñería de manifesto os défices do sistema sanitario de atención pública dos EEUU, continuamente recurtado en favor do poderoso sector privado.