Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GUÍA INTERNACIONAL DO IGADI

Principais tendencias do novo sistema internacional

A cambiante realidade política mundial obriga a desmenuzar as principais claves que definen as pautas do novo sistema internacional. A desintegración da ex URSS e o fin da era bipolar (1947-1991), anunciaron unha etapa de transición e indefinición na conceptualización do sistema de poder nas relacións internacionais. Diversas perspectivas analíticas definiron a chegada dun mundo de "posguerra fría" (Dwight Eagleburger), o retorno ao sistema de balanza de poder multipolar baixo os imperativos conceptuais do neo-realismo político (Joseph Nye, Robert Keohane), ou ben da perspectiva de confrontación civilizacional (Samuel P. Huntington). Os atentados terroristas do 11 de setembro de 2001 anunciaron novas perspectivas. No seguinte informe, o IGADI sintetiza as once claves que definen os principais escenarios e tendencias que dominan as relacións internacionais post-11/S.

- 08:18 05/09/2005
Tags:

TENDENCIAS DO SISTEMA INTERNACIONAL POST-11-S

1) A preponderancia dos imperativos de seguridade. Os atentados terroristas propiciaron un reforzamento do militarismo na política internacional, encabezado por EEUU e os seus aliados, que tamén determinou o inicio dunha agravada espiral de violencia. Neste sentido, e previo á guerra en Iraq, Washington estableceu un concepto clave para definir esta nova estratexia: a tese da guerra preventiva, coa consecuencia do debilitamento das alternativas diplomáticas e políticas.

2) Identificación do terrorismo internacional como principal ameaza á seguridade mundial. Neste sentido, obsérvase unha tendencia á simplificación dos problemas internacionais, á utilización dunha visión maniquea como discurso oficial no tratamento das problemáticas mundiais, coa súa prolongación nun reforzamento do control dos medios de comunicación, nalgúns casos manipulados baixo etiquetas patrióticas. Este enfoque vai en detrimento da resolución de problemas sociais e políticos como a pobreza, a desigualdade socio-económica, os dereitos humanos, a democratización, a restrición das liberdades (o conxunto das lexislacións antiterroristas en EEUU e Gran Bretaña), o problema dos refuxiados e a pacificación de conflitos.

3) A crise de modelos sistémicos. É apreciable unha relación de tensión entre a visión "unilateralista" (EEUU) e os enfoques "multilateralistas" (Europa, Asia, América Latina), que manteñen viva unha percepción de indefinición e de tránsito do sistema internacional que aínda pode manterse por varios anos.

4) Escenarios de conflito. Oriente Medio e o espazo euroasiático (Asia Central e o Cáucaso) convérteronse nos principais escenarios de conflitividade, cunha mestura de factores políticos, relixiosos, étnicos e enerxéticos. Outro escenario céntrase na seguridade no espazo asiático (remilitarización de Xapón, tensións con China, Taiwán), e o tema nuclear (Irán, Corea do Norte). Asemade, obsérvase un reordenamento de alianzas (EEUU-India, EEUU-países do Maghreb) que imprimen unha nova perspectiva a determinados conflitos (Sáhara, Cachemira).

5) Palestina, Iraq e Afganistán como referencias de conflito. Constátanse cambios políticos importantes nestes escenarios, pero non exactamente vencellados ás previsións de Washington. A irresolución destes conflitos nutre un retorno ás teses da confrontación civilizacional (Occidente-Islam, Oriente-Occidente), co factor relixioso como referente agregado da política exterior. Por outra banda, a falla de avances na pacificación é tomada como referencia argumentativa e lexitimadora por parte de Al Qaeda e outros movementos insurxentes e islamistas.

6) A crise de identidade na Unión Europea. Europa intenta configurarse como un actor global de importancia, pero apreciánse problemas internos (carencia de liderazgo, rexeitamento do Tratado Constitucional, febleza da política exterior e de seguridade, a crise do modelo do Estado de Benestar, a ampliación cara o Leste), que coartan a súa potencialidade, aínda limitada a un esforzo diplomático ou comercial. Trala guerra de Iraq, as relacións transatlánticas entraron nunha fase de maior complexidade.

7) Crise e reforma das Nacións Unidas. O inefectivo papel da ONU na guerra de Iraq e o esgotamento do modelo concibido en 1945 acelerou a percepción da necesidade dunha profunda reforma dentro do organismo. A ampliación do Consello de Seguridade semella un factor primordial. Os Obxectivos do Milenio e o problema de África constitúen dous vértices deste proceso de reformas, pero cabe identificar unha problemática relación entre o principal organismo multilateral e o unilateralismo hexemónico estadounidense.

8) O ascenso de China e doutras potencias alternativas. É cada vez maior a preponderancia de China no escenario global como actor de importancia ante a hexemonía de EEUU e Europa. O interese estratéxico chinés en América do Sur ou en África confirman esa emerxencia. Outros países como India, Brasil, África do Sur e Turquía avanzan como alternativas a considerar nun mundo multipolar. Pero existen tamén matices diversos desta realidade que suscitan interrogantes: ¿estas potencias alternativas maniféstanse como verdadeiros poderes autónomos ou ben o seu ascenso ven determinado pola progresiva implicación nas redes de dependencia occidentais, dentro da conceptualización da Economía-mundo capitalista concibida polo teórico Immanuel Wallerstein, e cunha desigual proxección desta hexemonía en aspectos económicos e de seguridade?.

9) A crise enerxética mundial e a situación do sistema económico global. O encarecemento dos prezos do petróleo concreta as pugnas e a incerteza nos suministros e nas reservas mundiais (Oriente Medio, Mar Caspio, Nixeria, Venezuela). O sistema económico global de inspiración liberal tamén entra nunha fase de complexidade, tomando en conta as relacións das principais potencias económicas englobadas no G-8, o mundo en desenvolvemento e a falta de democratización e flexibilidade dos organismos comerciais e financeiros (FMI, Banco Mundial, OMC). Tamén apreciánse situacións de crise no modelo económico estadounidense ante o empuxe de Asia, e as repercusións do modelo de desenvolvemento en temas cada vez mais sensíbeis como a ecoloxía.

10) A transformación das iniciativas antiglobalización. O 11-S de 2001 condicionou un repentino cambio nas perspectivas antiglobalización aparecidas tralas protestas no Cumio do G-8 en Seattle (1999), e a aparición do Foro de Sao Paulo. Constátase un ascenso de novos movementos antisistémicos e alterglobalizadores que reivindican o reforzamento do papel do Estado e da soberanía nacional, coa persistencia da dicotomía entre o modelo liberal e o estatal.

11) América Latina e as novas vías de integración Sur-Sur. Os esforzos por unha integración endóxena e autóctona (MERCOSUR, ALBA, TELESUR, PETROSUR), comezan a ser unha realidade para relanzar a posición e participación latinoamericana nun contexto máis global. Neste sentido, aparecen iniciativas de achegamento con África, Asia e mundo árabe e o Grupo dos 22. O ascenso do indixenismo andino é tamén un vértice deste acordar, pero tamén evidencianse os agudos problemas de institucionalidade e relación Estado-Sociedade na área andina (Ecuador, Bolivia, Perú); Centroamérica (inmigración e bandas delictivas) e o Caribe (Haití, República Dominicana). Tamén preséntanse respostas autóctonas á hexemonía estadounidense, especialmente en materia enerxética, política, sanitaria e educativa, como o eixe Venezuela-Cuba. Outros conflitos como o de Colombia, seguen a ser enfocados dende a perspectiva político-militar.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: