Varios incendios e explosións producíronse na zona suroeste da cidade de Nova Orleáns, onde están situadas varias refinerías de petróleo. Mentres, máis de 60.000 persoas agardan axuda para saír dunha cidade sumida no caos, sen auga potábel, con escasos víveres e sen electricidade en moitas zonas. O estadio Astrodome de Houston, en Texas, acolle a máis de 11.300 evacuados das zonas devastadas polo fucarán Katrina e superou a súa capacidade para albergar a máis persoas.
A situación é especialmente dramática no Superdome, onde a Garda Nacional vese desbordada para conter os incidentes. A Casa Branca enviou 3.000 soldados para combater os numerosos casos de pillaxe con orde de tirar a matar, segundo informa France Press. A gobernadora de Lousiana, Kathleen Blanco afirmou que espera que os soldados que chegaron á cidade procedentes de Iraq carguen contra os saqueadores que están sementando o casos e o terror nunha cidade totalmente devastada.
O presidente Georges W. Bush solicitoulle ao Congreso unha axuda de 10 mil millóns de dólares para os afectados, pero na actualidade hai miles de persoas atrapadas e as críticas pola xestión da catástrofe por parte das autoridades aumentan a cada momento.