Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FRONTE Á PROPOSTA DO GOBERNO CENTRAL PARA A SUBA DE TAXAS

PSdeG e BNG coinciden na necesidade dunha reforma sanitaria que teña en conta as especificidades galegas

"O problema do financiamento sanitario hai que propoñelo dende unha perspectiva redistributiva e reequilibradora do Estado", afirmou este xoves o presidente da Xunta, ao tempo que recoñecía que a proposta de suba de taxas en combustíbeis e electricidade que propón o executivo central para financiar a sanidade "non debe ser o camiño". Touriño pediu unha reforma que ao criterio de avellentamento da poboación una o da dispersión xeográfica. No mesmo sentido se pronunciaba o deputado nacionalista no Congreso, Francisco Rodríguez, quen engadía que o goberno "debe gastar máis en sanidade xa que o gasto público social é excesivamente baixo en comparanza coa media da UE".

- 06:21 02/09/2005
Tags:

Na opinión de Touriño, no caso galego habería "pouco que agardar da recadación a través das taxas especiais" no sentido que se propón desde Madrid. "O problema dificilmente se pode corrixir incrementando a capacidade impositiva alén do que se fixo", recoñeceu Touriño. O presidente do executivo galego descartou nesa liña a posibilidade proposta de subas en carburante e electricidade, aínda que deixou aberta a de incrementos en alcohol e tabaco. Á beira, lembrou que Galiza xa é unha das poucas comunidades que aplica o céntimo sanitario sobre as gasolinas, pero debido á baixa recadación por esta vía non descartou mesmo poder eliminar esa taxa nun futuro próximo.

Segundo Touriño, as posturas coas que o conxunto de gobernos autonómicos chegan á xuntanza de presidentes do próximo día 10 indica poucas posibilidades de pechar un acordo real. Nesa liña, o presidente da Xunta amosouse a prol de conseguir que se prorrogue o fondo de suficiencia sanitaria co que o executivo compensa ás comunidades que coma Galiza, recadan por baixo da media do PIB. Do mesmo xeito, destacou a necesidade de que un fondo adicional una ao criterio do avenllentamento o da dispersión poboacional.

A postura do BNG O deputado do BNG Francisco Rodríguez destacou este xoves que o modelo vixente para o reparto dos cartos da sanidade "só ten presente as variábeis de poboación protexida, poboación maior de 65 anos e a insularidade, e para nada se tivo en conta a particularidade da dispersión poboacional pois Galiza tén a metade dos núcleos de poboación de todo o Estado".

Ao respecto da última proposta do executivo central, de 1.500 millóns a repartiren entre todas as comunidades e outros 1.500 saídos dos incrementos das taxas especiais, insistiu en que "aparte de insuficiente resulta inadmisíbel desde a falta de autonomía financieira actual das coomunidades que non teñen capacidade normativa nin de xestión dos tributos". Na opinión do voceiro do Bloque no Congreso "se o Estado mantén un sistema de ingresos centralizado, debe ser él quen faga fronte aos problemas derivados do gasto en servizos que se manteñen cos impostos".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: