"Futuro" e "renovación" son lemas da web "non oficial" dos populares galegos PPdeG.com, principal punto público de debate na rede para a militancia do partido, que por certo mantén morta a súa web oficial desde o final das eleccións autonómicas. Entre os animados debates poden saber da denuncia da presunta manipulación de censos de afiliación que estaría promovendo o sector do birrete ou das revoltas no PP coruñés con protagonismo de Corcoba. E mentres a pasarela política comeza a deixar ver nos tapadillos aos tres candidatos ao relevo de Manuel Fraga, os promotores do foro idearon o concurso "chica PPdeG" que na súa edición de setembro tén tamén a tres competidoras. Os convocantes piden xa candidatas para o mes de outubro: "Non sexas tímida! Contáctanos".