Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CONSELLARÍA ANUNCIA A REVISIÓN DOS CONCERTOS COS CENTROS

Os centros concertados defenden a liberdade de escolla e din que os públicos reciben o triple de investimento por alumno

Dende a Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado consideran que o anuncio da consellaría é polo momento unha "declaración de intencións". Ao fío lembran que é norma habitual que os concertos cos centros privados se realicen todos os anos e a principio de curso, dando como resultado que ás veces a algunha escola se lle retiren unidades escolares.

- 11:44 31/08/2005
Tags:

"Este ano ademais non houbo ampliacións apenas, salvo un par de excepcións", comenta Xosé Antonio Moar, presidente desta Federación de Centros Privados, ao tempo que lembra que a administración si fixo un esforzo na Infantil de 3 anos "dentro dos prazos da LOCE e porque correspondía, aumentando 88 unidades".

Moar, que este mércores asiste para definir liñas conxuntas de actuación a unha xuntanza co resto de colectivos que agrupan aos centros escolares privados galegos, ademais de CECE-Galicia, Educación e Xestión e Unión de Cooperativas, avanza que o sector está pendente de ter unha reunión coa administración galega. Ao respecto di agardar que non haxa problemas, xa que "os centros concertados á fin escolarizan a un alumnado que doutro xeito non podería acceder á educación" e advirte que calquera tipo de cancela a estes centros iría contra o dereito dos pais a escoller a escola de seus fillos.

O colectivo presentou a finais do curso pasado un manifesto en resposta á campaña que daquela lanzara a CIG-Ensino en defensa do ensino público e criticando especialmente os investimentos do executivo galego no ensino privado. Este documento cualificaba algúns dos argumentos do sindicato de "falsidades, inexactitudes e datos manipulados sobre a realidade do ensino concertado" e avisaba que "a pretensión da CIG de suprimir os concertos educativos supón a eliminación dun dereito fundamental como é á liberdade de elección de centro docente, o que ocasionaría, entre outras consecuencias, á supresión de máis de 7000 postos de traballo directos".

Investimentos insuficientes
A patronal dos centros privados afirma que o ensino concertado escolariza o 30,4% do alumnado de ensinanzas obrigatorias "pero percibe só o 12’3% do orzamento da consellaría para ensinanzas non universitarias", engadindo que o custo medio do posto escolar no ensino concertado "é de 1.764 euros e no público de 3.765 euros" e asegurando que "a demanda social de postos escolares nos nosos centros non pode ser atendida".

Así, argumentan que "a existencia de axudas públicas aos centros concertados nin é inmoral nin é escandalosa: é nada mais e nada menos que o instrumento para o exercicio dun dereito constitucional. A garantía de que as familias poden elixir centro educativo sen condicionamentos económicos de ningún tipo" e engaden que "clarifica os obxectivos e as estratexias da escola: a elección forza á escola a dotarse dun proxecto, facéndose máis eficiente; e estimula a competencia e a eficacia. A liberdade promove a autonomía e a creatividade".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: