Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DE AMNISTÍA INTERNACIONAL

Os "detidos pantasma" na guerra "contra o terror"

Salah Nasser Salim, iemení de 27 anos, foi detido en agosto de 2003 en Indonesia, trasladado a Xordania, onde foi torturado e interrogado e levado por forzas estadounidenses a un centro secreto onde pasou máis de medio ano. Finalmente trasladado a unha prisión de Iemen, Amnistía Internacional puido visitalo e a súa testemuña é exemplo das detencións arbitrarias e ilegais onde non se lles facilita información nin aos propios detidos, nin a parentes ou avogados. No Día Internacional dos Desaparecidos, o colectivo volve denunciar os excesos cometidos coa excusa da "guerra contra o terrorismo".

- 08:15 31/08/2005
Tags:

"Estados Unidos e outros países deben poñerlle fin á práctica da detención secreta. Esas condicións fomentan a tortura e os malos tratos", denuncia Sharon Critoph, investigadora de Amnistía Internacional que tivo a oportunidade de entrevistar a Salah Nasser Salim e a Muhammad Farah Ahmed Bashmilah, outro preso nas mesmas condicións, "tememos que o que nos contaron estes dous homes sexa só unha pequena parte dunha realidade moito maior que conforman os centros secretos de detención que os EEUU teñen por todo o mundo", laiouse.

Critoph advirte que "facer a alguén desaparecer sen saber por que nin por canto tempo é un crime tipificado no dereito internacional e unha experiencia pola que ninguén debera pasar". Amnistía denuncia que estados coma Xordania, Indonesia e Iemen veñen colaborando neste tipo de abusos aos dereitos humanos. "As autoridades estadounidenses deberan revelar a identidade das persoas que manteñen recluídas en secreto e o lugar onde se atopan e permitir a investigación internacional deses centros", piden. Amnistía e a Cruz Vermella documentaron cando menos a morte de 27 persoas retidas deste xeito e calculan que podería chegar a dez mil persoas a cifra de presos polos EEUU en todo o mundo neste tipo de condicións.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: