Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
RIFA CIENTÍFICA

O planeta quece, vai a aposta?

Non hai moito que lles contabamos como falsearon nos EEUU uns informes sobre o cambio climático. Relatámoslles agora doutra polémica, a duns investigadores que, aínda na convicción de que ese cambio existe, debaten se o resultado a curto prazo será que as temperaturas suban ou baixen. Seguros das súas argumentacións científicas, decidiron darlle emoción á rifa coa aposta de 8.200 euros para a o gañador.

- 08:44 30/08/2005
Tags:

Dunha banda está James Annan, científico británico experto en investigacións sobre o clima que actualmente traballa no Simulador Terrestre Xaponés, en Iokohama. Annan está seguro de que o efecto invernadoiro provocado pola contaminación planetaria seguirá aumentando a temperatura do planeta a curto prazo. Na súa bitácora, Jame's Empty Blog, poden saber máis das súas argumentacións. Por certo, conta que se decidiu pola aposta porque niso da ciencia "gáñase pouco".

Do outro lado están Galina Mashnich e Vladimir Bashkirtsev, físicos rusos que traballan no Instituto de Física Terrestre e Solar, en Irkutsk. Este duo pensa que se esaxeran os efectos do quecemento global e introducen no debate outro factor: a actividade solar. Na súa opinión, a temperatura na Terra está determinada tamén e moi significativamente pola actividade da estrela e prognostican que o sol entrará nas próximas décadas nunha fase de menor actividade que provocará unha diminución das temperaturas.

Na súa desputa particular acordaron revisar no ano 2017 as temperaturas rexistradas no período 2012-2017 por un centro independente dos EEUU e comparalas cos datos do treito 1998-2003, para determinar se se produciu un incremento ou unha diminución. Moi seguros de cada unha das súas hipóteses, decidiron ademais apostar 10 mil dólares, arredor de 8.211 euros ao cambio actual.


0/5 (0 votos)