Diversos foros e especialistas teñen subliñado que a dependencia económica de moitas mulleres estaría por tras da resinación e o sometemento durante anos a situacións de reiterado maltrato por parte das súas parellas. Unido á baixa taxa de denuncias por malos tratos no fogar que aínda existiría en Galiza, a necesidade de reforzar os apoios para a muller nesta situación que decide dar o paso de deixar o fogar promove a iniciativa anunciada por Anxo Quintana, vicepresidente de Igualdade e Benestar: unha paga de 600 euros ao mes durante un ano para as mulleres maltratadas.
Segundo Anxo Quintana, que lembrou as tres novas vítimas que nos últimos días se produciron no Estado, a violencia contra as mulleres é "terrorismo de xénero" e "o goberno galego non pode mirar cara a outro lado diante deste grave problema social".
O vicepresidente destacou que "ademais de palabras son necesarios feitos" e explicou que nesa liña se entende a iniciativa de promover unha paga de 600 euros ao mes para aquelas mulleres maltratadas que o soliciten. Quintana precisou que se pretende eliminar o problema da dependencia económica "que en moitas ocasións padecen as vítimas e que lles impide dar o paso de denunciar a súa situación".