A tres semanas aínda dunha xuntanza da Asemblea Xeral de Nacións Unidas que se pretende sexa punto de inflexión no futuro do organismo internacional, as cociñas diplomáticas traballan xa no arranxo da que debera ser declaración final da institución. Segundo denuncia o colectivo Chamada Internacional Contra a Pobreza, os EEUU lideran un grupo de países que pretende eliminar dese documento mesmo as referencias aos Obxetivos de Desenvolvemento do Milenio.
"Este cumio mundial podería pasar á historia coma a xuntanza onde os máis poderosos do planeta viraron de costas aos máis pobres", dixo Kumi Naidoo, director do colectivo. "Se os líderes rexeitan incluso mencionar os compromisos que fixeran no cumio do milenio, non quedará dúbida sobre as súas intencións", advertiu lembrando os acordos asinados hai cinco anos por 189 xefes de Estado fixando metas claras para o 2015. "Un crecente número de cidadáns nestes países ricos están amosando maior compromiso coa loita contra a pobreza global, máis ca os seus gobernos, que de feito, fanlle traizón aos seus cidadáns", afirmou Naidoo.
O colectivo avisa que os EEUU, co tácito acordo doutros países, tentan eliminar desa declaración non só as concretas referencias aos obxetivos do milenio, senón tamén referencias á necesidade do control das armas lixeiras e mesmo un apartado onde se subliñaba a responsabilidade dos gobernos na protección de civís en caso de xenocidios coma o acontecido en Ruanda.