Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PALMOU ANUNCIA QUE DEIXA A SECRETARÍA XERAL DO PPdeG

Feijoo e Barreiro aceptan un Congreso aberto con varios aspirantes á sucesión

Entre almorzos, viños e merendas cocíñase estes días o futuro do Partido Popular en Galiza, con xuntanzas a todas as bandas de aspirantes e amigos tomando posicións cara ao relevo do liderado de Manuel Fraga. Mentres Cuíña avaliaba apoios por terras viguesas, o dúo de ex vicepresidentes, Barreiro e Núñez Feijoo, amosábanlle a Fraga a súa vontade de competir nun Congreso aberto a todas as posibilidades. Nos tapadillos seguirá o debate este luns no xantar que os populares terán en Ribadumia, con Mariano Rajoy á fronte.

- 06:15 29/08/2005
Tags:

Malia a vontade desde o PP de quitarlle trascendencia ás reunións que se veñen celebrando estes días, incluído o tradicional xantar que os populares celebran este luns na localidade pontevedresa de Ribadumia, o proceso de sucesión de Manuel Fraga á fronte do PPdeG estará máis patente ca nunca. Será clave neste contexto a propia presencia do líder estatal do partido, Mariano Rajoy, logo da propia xuntanza que tivo o pasado venres con Fraga, e nun momento clave do partido. De feito, Rajoy afronta na axenda inmediata, unha xuntanza en Madrid o próximo 1 de setembro onde os populares deberan arranxar estratexia para o novo curso político e pechar as fendas e cambaleos dos últimos meses.

Nese sentido, a intención dende a dirección en Madrid do PP de lanzar a Alberto Núñez Feijoo coma líder do PPdeG para a era pos-Fraga, amarrando a súa escolla antes do próximo Congreso, semella ter fracasado. Os movementos a nivel interno das últimas semanas explicarían a vontade do propio Feijoo e de Barreiro de facilitar que se chegue ao Congreso sucesorio con todas as opcións abertas, sen pechar a posibilidade de que todo candidato poida presentarse, e reforzando no seu caso, o liderado que esa xuntanza lles poida outorgar no partido. Ao tempo, os ex vicepresidentes descartaban inicialmente a posibilidade de acordaren unha lista conxunta con suma de cadanseus apoios, explicitando de momento a súa vontade de competir polo liderado do partido.

Contámoslles de paso que o secretario xeral do PPdeG, Xesús Palmou, confirmaba nos micrófonos da Cadena Ser que deixará a secretaría xeral do partido logo dese congreso sucesorio.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: